O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado na lexislatura que acaba de rematar e membro da Deputación Permanente, José Manuel Barreiro, manifestou este mediodía que o mandato de Pedro Sánchez “desgraciadamente foi unha lexislatura fallida e chea de agravios para a nosa provincia”. Así o puxo de relevo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos compañeiros lucenses na Cámara Alta e o deputado no Congreso na pasada lexislatura Joaquín García Díez, ademais do candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo.
“Se os medios recollían como un erro do Goberno socialista a resposta negando a solicitude da Xunta da creación dun novo xulgado do social na cidade de Lugo cando quedou probada documentalmente polo Goberno galego, tamén podemos dicir que foi un erro a lexislatura de Pedro Sánchez”, afirmou con rotundidade.
O popular indicou que “foi un erro toda a lexislatura porque non se cumpriu absolutamente con nada da nosa provincia cando o único que pediamos nesta lexislatura era que os orzamentos, que afortunadamente non se aprobaron, recolleran o mesmo que o Goberno de Rajoy incluíra nas contas do ano 2018 e na temporalización deses orzamentos para o 2019”.
É dicir, o que demandaban os populares era o mesmo que o anterior Executivo tiña comprometido xa con Lugo; pero, tal e como remarcou Barreiro, “nin iso: nin novo xulgado do social, nin nova comisaría de Policía, nin avances na alta velocidade nin no resto de infraestruturas de comunicación na provincia. É máis, nas contas presentadas polo socialista para o ano 2019 non só non se recollían os compromisos plurianuais para este ano, senón que había unha rebaixa de arredor do 30%”, destacou.