O senador lucense do PP, José Manuel Barreiro, demandará ao Goberno en funcións unha solución urxente para Alcoa San Cibrao. O popular vén de presentar na Cámara Alta unha interpelación neste senso “preocupado e alarmado pola falta de reacción do Executivo ante a redución na produción da factoría, que pode conlevar o inicio de despedimentos a non moi longo prazo”.
Barreiro defende que “estamos ante unha situación inaudita, pois o peche de 32 cubas de electrólise nunca se produciu, salvo na ocasión do Casón”. Por este motivo, pide aos dirixentes que emprendan as xestións necesarias para “aprobar o estatuto das electrointensivas e frear o que pode ser nun futuro non moi lonxano o peche da fábrica, tal e como xa aconteceu coas prantas de Avilés e A Coruña”.
“Sen escusas”
Ademais, o popular considera que o Executivo de Sánchez “non ten escusas para non facelo, xa que, aínda que está en funcións, podería aprobalo a través dun Real Decreto que, posteriormente, ratificaría o Consello de Ministros”.
Deste xeito, o senador lucense defende que non existe ningún impedimento para “dar luz verde ao documento que paliaría a grave situación que atravesa Alcoa, xa que ata o de agora, ademais de non recibir aos afectados, Pedro Sánchez incumpriu os seus compromisos e tamén os prazos que el mesmo fixou. Son os seguintes:
Real Decreto-Lei do Goberno de 7 de decembro de 2018, de Medidas Urxentes para o Impulso da Competitividade Económica que tiña como fin, elaborar e aprobar un Estatuto de Consumidores Electrointesivos.
Marco Estratéxico de Enerxía e Clima, presentado no Consello de Ministros o 22 de febreiro, establece a aprobación deste estatuto como unha das medidas de acompañamento aos sectores estratéxicos industriais previstas na Estratexia de Transición Xusta.
Fixar unha data
Barreiro sinala que é imprescindible concretar unha data para a aprobación do estatuto, porque sen un marco normativo e un prezo estable “non hai futuro nin para Alcoa nin para o resto de empresas grandes consumidoras. Ademais, o prezo da electricidade en España é moi caro, un 50 % máis que en Alemaña ou Francia, polo que a factura eléctrica supón o 41 % do gasto de Alcoa, nun momento no que o prezo do aluminio no mercado tamén está baixo”.
Concretamente, “esta planta dá traballo a máis de 1.100 familias de (sumando as fábricas de alúmina e de aluminio), sen contar os empregos indirectos que xera na costa lucense, nas empresas auxiliares e en sectores como servizos e hostelería. Calcúlase que en torno a 5.000 postos de traballo en total. Rematou.
Ago 21, 2019 - 11:19 AM
Curioso personaxe este , nunca destacou na política , pero leva toda a vida vivindo como dios dela