O portavoz do GPP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou hoxe que “o cambio que algúns piden xa ocorreu en 2011” e lembrou que “agora é o momento de seguir avanzando para seguir creando emprego, que é a mellor arma contra a desigualdade e a pobreza”. Barreiro fixo estas declaracións nun encontro con afiliados en Rábade.
O líder do PP de Lugo sinalou que grazas ás políticas acertadas de Rajoy e os esforzos de todos deixouse atrás a crise económica pero insistiu en que aínda queda moito por facer. “Co Partido Popular á fronte do Goberno ninguén se vai a quedar atrás no noso propósito común de que o benestar chegue a todo”, aseverou. Barreiro afirmou que “estamos a vencer a loita contra o desemprego” e insistiu en que “o obxectivo histórico e real do Partido Popular é chegar a 20 millóns de persoas ocupadas en 2020”.
Por outra banda o candidato ao Congreso do PP, Joaquín García Díez, puxo de manifesto que Mariano Rajoy é o único que pode presentarse a estas eleccións cun “balance exitoso de xestión fronte aos que queren chegar a Moncloa a aprender e facer experimentos”.
Na zona sur, a candidata de Nós – Candidatura Galega visitou hoxe a estación de tren de Monforte onde constatou as deficiencias deste servizo.
“Lugo é a grande esquecida en materia de infraestruturas”, asegurou Olalla Rodil, poñendo como exemplo os limitados horarios e o custe dos billetes no traxecto que une a capital da provincia coa principal vila do sur, mais tamén a ausencia destes noutras vilas como Rábade ou Guitiriz, nas que xa estivo anteriormente.
“Lugo precisa de conexións ferroviarias que rachen coa súa desconexión territorial e por iso reclamaremos as competencias de transporte, para as deseñar en función das nosas necesidades”. “Non podemos ficar a expensas do que o goberno español de turno decida, sexa cal sexa a súa cor política”, afirmou a candidata,
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que está volcada na campaña afirmou hoxe nunha reunión con veciños de Camoira, que O Psoe ofrece “Unha política baseada nos dereitos das persoas. Esa é a aposta do PSOE para as eleccións xerais”.
“Necesitamos un Goberno sensible coa protección social e non un Goberno letal co benestar”, asegurou a rexedora, ao tempo que lembrou que máis de 100.000 dependentes faleceron dende 2012 esperando unha axuda recoñecida polo Estado. A líder dos socialistas avanzou que “os dependentes están a pór máis diñeiro do seu peto que a Administración Central para ser atendidos”, posto que a porcentaxe que aporta o Estado reduciuse dun 54 a un 17,9% nos últimos anos, máis de 2.000 millóns de euros, diminuíndo as prestacións e aumentando o copago dos usuarios nun 32%.
No encontro, Méndez pediu o apoio dos lucenses para os socialistas, posto que “somos os únicos capaces de sacar a este país do atraso que supuxo a dereita. En materia de liberdades, a dependencia, a educación pública e a sanidade universal sufriron o tixeretazo do PP”.