Barreiro: “Non hai compromiso do Goberno de Sánchez coa nova Comisaría”

O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, considerou esta mañá que “non hai compromiso político por parte do Goberno socialista de Sánchez coa construción da nova Comisaría de Policía nos terreos do vello hospital”. Así o expuxo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos senadores pola provincia Dámaso López e Gerardo Criado ao analizar a falta de resposta do Goberno de Sánchez, unha vez transcorrido o prazo establecido polo ordenamento, ás preguntas formuladas por escrito sobre este asunto a comezos de outubro polo Grupo Popular no Senado.

Barreiro explicou que “a pregunta era moi clara, non cabía espazo para a opinión e o Goberno non respondeu de forma oficial. Preguntábamos se o Goberno está disposto a manter o compromiso explicitado polo anterior ministro do Interior para a construción da nova Comisaría de Policía nos terreos do antigo hospital”. Así, o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado amosou a súa preocupación “ante a falta de resposta” pola que “entendemos que o Goberno socialista non quere impulsar esta nova infraestrutura para a cidade de Lugo”. O popular lembrou que, na mesma liña, “o Goberno socialista da cidade de Lugo tamén votou en contra dunha iniciativa que o Grupo Municipal  Popular levara ao Pleno procurando tamén o compromiso coa construción da Comisaría no barrio da Residencia”.

Barreiro asegurou que “nós imos seguir reclamando esta infraestrutura a través da presentación dunha pregunta oral que deberán responder na Comisión correspondente e tamén imos seguir defendendo proxectos para Lugo”. Igualmente, fixo fincapé no compromiso do anterior Goberno popular e do ex ministro Zoido con esta infraestrutura; así coma a consignación de partidas orzamentarias para outras da provincia coma as comunicacións con Santiago a través da A-54, o avance da autovía da Mariña (A-74) e das obras da A-56 en Monforte; así coma para a procura dun sistema de protección antinéboa na A-8 ou a chegada da alta velocidade a Lugo para o ano 2021.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com