O Eido Dourado, en Barreiros, organiza por primeira vez unha serie de laboratorios artísticos para nen@s, que se desenvolverán o 29 de xullo e o vindeiro mércores, 3 de agosto. Nesta experiencia tamén podería participar o público adulto que desexara asistir ao longo do mes de agosto.
Os obradoiros serán impartidos pola licenciada en Belas Artes Lucía Vila, que manifestou que “son como experiencias artísticas para que os nenos se acheguen ao Eido Dourado dunha forma máis natural e a un museo en xeral. O que queremos basicamente é que os nenos dialoguen coa obra de Celso Dourado e que reflexionen sobre os elementos que configuran a obra do autor”.
Os laboratorios realizaranse polas tardes en horario de apertura do Eido Dourado, de 18:00 a 21:00 horas. Vila subliñou que “despois segundo se vaia apuntando a xente iremos poñendo máis datas. É como un proxecto piloto que se funciona ben queremos prolongar con outro tipo de laboratorios creativos e senón quedará como unha experiencia que basicamente pretende que o Eido Dourado estea vivo”.