Nuns 2.000 euros foron estimados polo alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, os danos causados a pasada noite no alumeado de Nadal e nas seis farolas nas que estaba colocado, en San Cosme. Xa foi presentada denuncia diante da Garda Civil e o mandatario pide colaboración veciñal para dar cos autores destes feitos.
O rexedor explicou que “nos roubaron as cintas de LED que tiñamos postas como adorno en seis farolas aquí no centro de San Cosme. Parece máis unha gamberrada que un roubo, porque o valor en si das cintas é moi pequeno; ademais algunha delas rompéronas. Isto sucede despois do que pasou co banco de Comado”.
Fuente Parga indicou que “neste caso non é un valor grande, pois cada tira de LED pode ter custe duns 15 euros, pero si houbo danos porque ao sacar esas tiras de LED estivo toda a noite a travesía de Barreiros sen luz pública, porque se cortou, e ademais nesas seis farolas aparte de deixar as caixas de fusibles á vista, grazas a Deus que non choveu, pero deixáronas sen neutro e ocasionou que se queimaran os equipos das farolas. Co cal estamos a falar duns danos de entorno a uns 2.000 euros, que é o que vai custar repoñer todo iso”.
O alcalde barreirense sinalou que “o que o fixeron está prexudicando aos bens públicos, que en definitiva son deles tamén. Son cousas que non deberían pasar. Se a alguén lle gustaron moito esas tiras de LED puido dirixirse ao Concello e pedilas, xa que custaría moito menos que a reparación que agora haberá que levar a cabo nesas seis farolas”.
Fuente Parga pide colaboración veciñal para dar cos autores dos feitos: “se alguén viu algo disto nesta pasada noite nesa zona que nolo faga chegar. Presentouse denuncia no cuartel na Garda Civil, que fará as investigacións oportunas para ver se podemos dar con que fixo isto”.
E engadiu que “as farolas foron reparadas hoxe á tarde por un operario da empresa que leva o mantemento para que esta noite puidese haber alumeado público en toda esa zona. Senón quedaría sen alumeado público durante tres días”.