Barreiros estrea carteis advertindo dos perigos e recomendacións nas praias

O Concello de Barreiros vén de colocar e estrear estes días nas praias do municipio unha serie de carteis advertindo de posibles desprendementos nos cantís, outros con recomendacións para protexerse do sol e informando da presenza de algas, “que non son lixo e son necesarias para manter o ciclo vital dos areais”, segundo subliñou o alcalde, Alfonso Fuente.

Fuente manifestou que “no Concello de Barreiros o que estamos facendo estes días é colocar unha serie de carteis na zona das praias cunhas advertencias, que a veces son cousas que deberíamos ter todos presentes e coñecelas para recordalas”.

O rexedor declarou que “se trata de evitar o que pasou na praia das Catedrais, que non sabemos se vai pasar ou non porque pode pasar en calquera dos nosos cantís. O que facemos é colocar unha serie de carteis advertindo de que non se tome o sol preto dos acantilados, que ninguén se arrime pola parte de arriba aos acantilados xa que pode haber desprendemento de terras e pode caer alguén.

Están os paseos e hai xa protección nos paseos, pero tamén se advirte desas zonas perigosas, igual que onde o mar traballou neste inverno movendo algunha escollera como pode ser na zona de Altar, tamén se poñen advertencias para que os usuarios da praia non suban por esas pedras porque pode haber accidentes”. Fuente Parga explicou que “tamén se puxo cartelería advertindo dos perigos do sol e da protección que hai que tomar na exposición, e infórmase sobre as algas.

Moitas veces nos din que parece que a praia está chea de lixo cando está chea de algas. Evidentemente da praia o que se debe retirar son os cristais, plásticos e restos de madeiras, pero as algas non son lixo senón que son alimento de moitas especies que viven na praia e no mar, e son necesarias para manter ese ciclo vital. É unha recomendación importante para que todo o mundo o teña presente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com