A segunda edición dos haikus galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras. En primeiro posto, quedou Beatriz Dourado que se fixo co certame cos poemas Declaración e 360º, xa que foron as dúas vilariñas máis votadas. Milagros Pérez Villanueva, de Valencia, acadou o segundo posto pola escrita Hai un corazón vermello e Cris Amoedo (C.E.A.R.) de Vigo, recibiu o terceiro premio con Mais que a desolación do ermo
A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro mes de febreiro na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto poético de homenaxe a Alfonso Blanco Torrado pola súa contribución ao coñecemento de Díaz Castro e ao impulso á poesía chairega. Neste acto anunciarase tamén a convocatoria do certame para 2019 no que a organización agarda aumentar novamente a participación.
Con 200 vilariñas presentadas procedentes de diferentes lugares de Galicia, Portugal, Asturias, Cataluña e Italia, a segunda convocatoria foi cualificada polos organizadores como “un éxito” xa que casi duplicou a participación a respecto de 2017.
O Certame Vilariñas debe o seu nome a Diaz Castro, polo lugar do Vilariño no que está a sua casa e porque as vilariñas pretendem beber do concepto de valoración das cousas pequenas, como falaba o poeta das “herbas pequerrechiñas” no seu poema A Espada. Todas as vilariñas presentadas serán editadas en varios soportes dixitais para a súa descarga gratuita en PDF a primeiros de Febreiro.
O premio, é unha simpática figura orixinal da artista Viki Rivadulla, feita a man, pezas únicas que representan a unha muller galega co paxaro da inspiración poética na cabeza, unha peza singular e artesanal.
Éxito total, pois, da iniciativa da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares lareira de soños que contribúe a identificar Guitiriz en particular e, a Terra Chá en xeral, coa poesía desde o Vilariño de Díaz Castro.
Post Views: 0