O Concello de Becerreá celebra mañá ás 20 horas o seu Pleno ordinario do mes de marzo. Así, dende o equipo de Goberno veñen de avanzar que o pleno aprobará, previsiblemente, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais, proposto pola Alcaldía. Asemade, Alcaldía proporá tamén a modificación de crédito baixo a modalidade de crédito extraordinario e suplemento de crédito.
Entre outras mocións, o Grupo Municipal Mixto presenta a debate na sesión plenaria de mañá unha moción para que se dote dunha cuberta ao parque infantil da localidade, así como a relativa ao transporte escolar para o alumnado de BAC e FP na que instarán á Xunta a cubrir as neccesidades dos estudantes de bacharelato e formación profesional dos institutos dos Ancares que teñen que desprazarse a diario para poder cursar os seus estudos.
Noutro senso, o Grupo Municipal Mixto tamén presentará tres rogos, o primeiro en relación á limpeza do espazo público, o segundo para que o Concello vixíe tanto o servizo como o prego de condicións da recollida do lixo e, por último un relativo á páxina web do Concello.
Doutra banda, ademáis dos temas xa comentados, a Alcaldía presentará unha proposición relativa ao pobo saharaui; e dará conta de varios asuntos de actualidade como das últimas resolucións aprobadas por alcaldía, as actas da Xunta de Goberno, e da aprobación da liquidación do Orzamento do ano 2021, así como o informe emitido pola Intervención.
Ademáis, poderán tratar outros asuntos presentados pola vía de urxencia se así o consideran.