Este próximo sábado ás 20:45 hai unha nova sesión especial en Codex Cinema coa presentación de Beiras. Vivir2Veces, o documental dirixido por Gaspar Broullón e Pepe e Jorge Coira sobre Xosé Manuel Beiras, unha das figuras políticas más importantes da historia da democracia en Galicia, así como un dos políticos que xerou máis división de opinións e polémicas. Esta obra confórmase como unha larga conversa entre Beiras e os directores, así como con outros convidados, onde o histórico político nacionalista repasa un percorrido vital de oito décadas, desde o seu lado máis íntimo ata a súa traxectoria política: medio século que cobre os cambios que se produciron en Galicia desde os últimos anos da ditadura.
Así, o documental defínese non tanto como un filme sobre Beiras, senón un filme sobre Beiras, con ambición para sobrepasar o retrato do personaxe e chegar á análise do noso país, dos seus cambios e as súas circunstancias políticas, das que Beiras foi en moitas ocasións protagonista. Unha viaxe apaixonante que é o mesmo tempo unha hábil conversa sobre política e historia e tamén un documento extraordinario sobre como cambiaron os tempos.
O sábado 5 de febreiro ás 20:45 teremos a fortuna de contar con Jorge e Pepe Coira para presentar a proxección do filme. Será o primeiro evento especial de Codex Cinema neste 2022, continuando co apoio ao cinema galego e aos seus creadores. Con máis de 25 anos de carreira como cineasta, o lucense Jorge Coira se cadra está no seu mellor momento profesional. Ademais de Beiras. Vivir2Veces, o cineasta triunfa coa segunda tempada da súa serie para Movistar, Hierro, e ten listas xa tanto unha nova serie, Rapa, como un filme protagonizado por Luis Tosar, Código emperador. O seu gran éxito comercial vai da man coa creación da produtora Ollo Vivo, xunto ao seu irmán Pepe Coira e Gaspar Broullón, que xa presentaron en Codex Eroski Paraíso. A súa nova creación, Beiras. Vivir2Veces chega esta fin de semana con pases exclusivos o sábado e o domingo.
Haruki Murakami e Ryusuke Hamaguchi chegan con Drive my car
Posiblemente o filme máis reputado do ano, esta fin de semana chega tamén a Codex Drive my car. Presentada no Festival de Cannes, onde gañou o premio ao mellor guión, así como o premio da crítica internacional. Considerada como unha das grandes favoritas para os Oscar de Hollywood, a película foi elixida como a mellor do ano polos tres sindicatos de críticos máis importantes dos EEUU (a de Nova York, a de Los Angeles e a National Society of Film Critics), un éxito que só conseguiron cinco películas anteriormente (Un dos nosos, de Scorsese; A lista de Schindler de Spielberg; L.A. Confidential, de Curtis Hanson; A rede social de David Fincher, e The Hurt Locker de Kathryn Bigelow). Un dos moitos fitos que logrou esta película maxistral, a consagración de Ryusuke Hamaguchi como un dos cineastas máis importantes da actualidade.
Baseado no relato homónimo de Haruki Murakami (incluído no volume Hombres sin mujeres), a película afonda nos temas comúns deste escritor e de Hamaguchi: a deshumanización e a melancolía das sociedades modernas, a partir das traxedias recentes da historia do Xapón. Unha película que enlaza o trauma continuado da bomba de Hiroshima coas lembranzas das vítimas do tsunami de Fukushima, a través da relación dun director teatral coa súa chofer. A relación entre os dous e os misterios das súas vidas moven esta película de suspense sostida a través dos diálogos e da memorable dirección de Hamaguchi, continuando e incluso ampliando o mostrado no seu anterior traballo (estreado en Codex) A ruleta da fortuna e da fantasía.