Benestar fomenta o apego polo rural coas Aulas Abertas nas parroquias onde este verán conviven preto dun cento de crianzas

Recuperar as antigas escolas unitarias e os centros de convivencia das parroquias e enchelas novamente de vida, poñéndoas ao servizo das e dos residentes nos núcleos.

Pero tamén facilitar a conciliación familiar e ser unha opción segura nun momento complexo no que a incertidume sobre a evolución da pandemia coarta a escolla das nais e pais á hora de buscar un entretemento e ocupación para os máis pequenos da casa nas súas vacacións.

Estes son os dous obxectivos fundamentais das Aulas Abertas. A iniciativa coa que o Executivo de Lara Méndez, dende a área de Benestar, pretende fomentar o apego polo rural e o arraigamento nos núcleos sendo a querenza pola orixe un factor clave que propicie o asentamento de poboación.

“Agora que o proceso de vacinación está moi avanzado, que se acadaron certas cotas de contención da covid e que se permite a reapertura dos centros de convivencia pensamos en empregalos para obter unha dobre finalidade. Primeiramente dar un servizo moi estimado á cidadanía, que é o de poder compaxinar as obrigas laborais co tempo de lecer que os nenos e nenas teñen nesta época, aportando unha alternativa segura de entretemento que favoreza a socialización entre iguais e nunha contorna protexida. Mais tamén aproveitar estas xornadas para a aprendizaxe, a promoción de valores de coidado á natureza e de sentimento de pertenza a un lugar que, co paso dos anos, será unha fonte de bos recordos e fermosas vivencias. Esto sen esquecer que a utilización das instalacións posibilita tamén unha mellor conservación das mesmas, adquirindo un protagonismo para a veciñanza que incita ao coidado colectivo”, sinalou a concelleira.

Olga López Racamonde, que esta mañá visitou algunhas destas antigas escolas unitarias para comprobar in situ o funcionamento das Aulas Abertas, indicou alén que, en total, máis de medio milleiro de familias lucenses solicitaron este servizo, que se presta, así mesmo, nos centros socioculturais da capital, “incrementando a oferta pública de dinamización infantil no municipio, tan necesaria nun período prolongado de lecer como son os meses estivais” e recordou que a concellería de Benestar, Inclusión e Maiores promove tamén outras actividades para a terceira idade en prol do coidado da saúde e para evitar o seu illamento social.

“Forma parte da estratexia 8 – 80… Un dos principais eixos das nosas políticas sociais: velar pola calidade de vida de toda a poboación, en todas as franxas de idade pero especialmente polos máis febles ou vulnerables da cadea como son os menores e maiores de 65 anos”, sostivo Racamonde.

A edil afirmou que, nestes momentos, preto dun milleiro de persoas participan xa no programa Lugo Móvese cos Maiores. Unha proposta que combina accións de exercicio físico, para traballar que non perdan axilidade, con outras de tipo cultural como son os roteiros guiados e coas que se fai fincapé na necesidade, logo deste último ano tan duro de reclusión, de saír e compartir experiencias con outros coetáneos, de trabar amizade, de ter gañas e interese por facer plans e de non perder esa motivación que resulta un motor fundamental para combater a exclusión, outra das nosas prioridades de actuación”, concluíu Olga López que quixo aproveitar tamén para convidar á cidadanía a interesarse por esta programación que continuará operativa durante todo o verán.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com