A edil Olga López Racamonde, vén de anunciar a posta en marcha dun grupo de traballo interadministrativo para abordar a demanda local que existe no concello en materia de Atención Temperá, para crianzas de 0 a 6 anos, e Postemperá para pequenos e pequenas de entre 6 e 18 anos.
“A súa constitución será inmediata co fin de poder realizar, canto antes, un estudo pormenorizado de cales son as necesidades que, sobre esta cuestión, temos no municipio para ofrecer a atención debida da forma máis dilixente posible”, subliñou Racamonde ao tempo que explicou que a concellería de Benestar Social, Inclusión e Terceira Idade liderará a mesa na que serán convidadas a participar tamén o resto de administracións que teñen competencias ao respecto como son a Consellería de Política Social, a Consellería de Sanidade (SERGAS), a Consellería de Educación, e a Deputación de Lugo así como as asociacións e/ ou outros axentes implicados.
“O obxectivo é desenvolver un programa de actuación común en Atención Temperá e Postemperá, baseado na radiografía elaborada previamente sobre a situación actual dos potenciais usuarios, garantindo así aos demandantes da mesma unha prestación de calidade e artellando unha axeitada coordinación dos recursos que, nestes momentos, se atopan dispoñibles”, sinalou López Racamonde.
A edil indicou tamén que nas vindeiras semanas convocarase a tódalas partes implicadas para manter a primeira das xuntanzas, nunha toma de contacto que servirá como punto de encontro para ir asentando as bases e unificar os criterios sobre o procedemento a seguir.
“Pretendemos unha utilización racional dos servizos daqueles organismos que temos competencias para actuar neste eido, baixo a premisa de gañar en eficacia evitando duplicidades e garantindo a complementariedade das intervencións”, concluíu a concelleira de Benestar Social.