O colectivo Berro Seco polos Dereitos e Liberdades vén de tildar de “decepcionantes” as decisións tomadas polo Comité Clínico e publicadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG) en relación coas medidas restritivas coas que pretenden loitar contra a expansión da covid.
O colectivo vén de posicionarse en contra da conitnuidade do que cualificou de “políticas restritivas dos dereitos fundamentais” prorrogadas pola Xunta “co silencio cómplice dos grupos da oposición”.
Berro Seco explica que, dende o comezo das limitacións, todas as medidas tiveron un “nesgo económico e, mesmo, ideolóxico difícil de soportar”. A utilización do pasaporte covid, consideran, “non ten sustento ningún” como medida sanitaria senón que o colectivo veo máis como unha medida “para o control social e o acoso das persoas que deciden tomar medidas de autoprotección ou de protección das súas crianzas distintas ás sinaladas pola Xunta de Galicia”.
O colectivo Berro Seco esixe a retirada inmediata do pasaporte Covid “para calquera uso”, tamén a equiparación con outros Estados da contorna así como con outras comunidades autónomas no que á esixencia do certificado de vacinación se refire. “Que o pasaporte covid non é unha medida sanitaria e que para nada serve como protección da nosa saúde é algo evidente a estas alturas. Por máis que a Xunta de Galicia insista, os datos evidencian que as persoas vacinadas contaxian e seguen contaxiándose”.
Asemade, lembran como o propio presidente da Xunta de Galicia, admitía recentemente en declaracións aos medios que o “problema económico, social e laboral segue sendo un problema moi intenso” pero, segundo critica o colectivon “insiste en dar as costas a esta realidade”. Pola contra, din, “mantén o pasaporte como unha medida de segregación e castigo, violentando a boa parte da sociedade e creando o confrontamento social unicamente para impoñer o seu criterio persoal de converter a vacinación nun acto obrigatorio. O acoso ao que a Xunta de Galicia está sometedo as persoas que deciden non vacinarse ou non vacinar aos seus descendentes, ou que, mesmo vacinadas, néganse a facer público o seu historial clínico, vulnera dereitos consagrados na Declaración Universal dos Dereitod Humanos e no Convenio de Oviedo ratificado polo Estado”.
“A medida intenta converter as persoas que exercen o seu dereito a non vacinarse nas vítimas propiciatorias ás que culpar das nefastas consecuencias da política actual de desmantelamento e privatización da sanidade pública e do estrepitoso fracaso da campaña de vacinación”, conclúen.