Besteiro afirma que deixa a cero débeda financieira do ente provincial

O Pleno Provincial celebrado esta mañá aprobou coa abstención do PP e os votos a favor de PSOE e BNG, a modificación orzamentaria co que o Goberno provincial deixa a cero a débeda financeira do organismo neste mesmo 2015, mentres se mantén á cabeza das institucións provinciais de Galicia en investimento por habitante.

Esta modificación consiste na anulación da operación de crédito de 3 millóns de euros, que fora aprobada no presuposto de 2015 e substituíla polo superávit obtido no 2014, e amortizar anticipadamente toda a débeda que quedaba pendente.

Segundo explicou José Ramón Gómez Besteiro, as principais vantaxes de eliminar o endebedamento son por unha banda, “que desaparece a carga financeira, polo que se deixarán de pagar intereses polos préstamos bancarios e deixaranse de destinar recursos a amortizar débeda, co que estes cartos poderanse dedicar a novos investimentos na provincia”.
Ademais, “haberá máis autonomía para executar o Orzamento, xa que non existe a obriga de destinar os aforros ao pago da débeda”.

Pola súa banda, o Grupo Provincial do Partido Popular recurriu aos datos económicos das últimas contas anuais aprobadas, para afirmar que o endebedamento da administración multiplicouse por catro entre o ano 2007 e o ano 2013.

En concreto os populares explican que no 2007 o endebedamento era e 10.763.752 euros (30,31 por habitante) mentres que os indicadores da última conta xeral aprobada, a de 2013, recollen un endebedamento de 39.721.410 euros (114,80 euros por habitante). A maiores, os populares afirman que o actual goberno da Deputación recibiu no 2007, 83.351.379 euros, que sufriron unha caída do 50% con respecto a 2013 (54.550.057 euros).

Do mesmo xeito, acusaron esta mañá ao presidente da  institución de evadir os mecanismos de control do dereito público ao inxectar diñeiro en organismos paralelos, como son Suplusa ou a Fundación TIC.

Os populares fixeron estas declaracións tras afirmar que na proposta de modificación de crédito que levou hoxe o goberno provincial ao pleno, “agochan detrás da aplicación do superávit a reducir o nivel de endebedamento, o desvío de preto a 9€ a Suplusa”, segundo sinalou a voceira popular, Elena Candia.

Doutra banda, aprobouse cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención dos populares, unha moción para que o organismo provincial lle financie á Xunta de Galicia a posta en marcha do servizo de Hemodinámica 24 horas no Hula.

O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular, Fernando Pensado, negouse hoxe na sesión plenaria “a ser cómplice da utilización partidista e demagóxica que o PSOE e o BNG están a facer dos enfermos, como único obxecto de obter rédito electoral de cara aos comicios do próximo mes de maio”.

“Ten que ser a evidencia e os resultados en saúde os que tracen a política sanitaria a implementar. Defenderemos sempre o servizo da Hemodinámica 24 horas, pero que este sexa a consecuencia dunha análise que se apoie nos sistemas dos médicos. Polo tanto, a elección entre o servizo 24 horas ou 8 horas “non é nin foi nunca un problema de custos nin de financiamento”, concluíu Pensado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com