Besteiro comprométese en Lugo a “superar a Galicia das dúas velocidades” e “rescatar á sanidade pública”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse hoxe en Lugo, diante do Presidente do Estado Pedro Sánchez a “superar a Galicia das dúas velocidades” cunha batería de propostas para impulsar a cohesión territorial dende a Xunta. .

O candidato socialista comprometeu “investimento, traballo e servizos sociais para superar a Galicia das dúas velocidades cun apoio especial ao medio rural e o desenvolvemento da industria transformadora e a posta en marcha dunha verdadeira política forestal logo de 15 anos de abandono polos gobernos do PP.

Gómez Besteiro despregou o seu proxecto para “rescatar á sanidade pública”, sinaladamente a atención primaria fixando un límite de 48 horas para obter cita no médico de cabeceira, lembrando a fortaleza do sistema durante o goberno dos socialista Pérez Touriño e que foi desmantelado polo PP. Comprometeuse a devolverlle a fortaleza ao sistema sanitario e poñer fin á incertidume de moitos enfermos”.

O candidato socialista chamou á mobilización nas próximas eleccións para “apoiar a un cambio con seguridade e na dirección axeitada” mentres o PP non quere, o Bloque quere e non pode, e nós queremos e podemos porque temos un magnífico equipo de xente preparada, solvente e con experiencia”. Reivindicou a “capacidade de interlocución e influencia para traer a Galicia investimentos, obras, proxectos e ideas para o noso país”.

Lugo

Besteiro presentou tamén os seus compromisos coa provincia de Lugo, onde se comprometeu a non facerlle oposición a Lugo dende a Xunta, e comezou “reivindicando o cumprimento do acordo de reactivación de Alcoa”. Sinalou, tamén, que o “goberno central está pendente dun compromiso da empresa cos traballadores que é absolutamente vital  e do que, lembrou, PP e BNG estaban en contra, e nós queremos que se siga cumprindo”.

Durante a súa intervención anunciou “ rematar da construción da VAC Costa Norte, paralizada dende a chegada do PP á Xunta, e que estará conectada coa futura autovía para conectar A Mariña”. Asumiu ademais o compromiso de “reactivar do Plan Paradai, o Museo da romanización e apoiar o Arde Lucus na capital da provincia, ou de impulsar o Porto Seco de Monforte como centro neurálxico de mercadorías en Galicia”.

O candidato socialista reivindicou a traxectoria dos socialistas galegos para “devolverlle o orgullo de cidade e de provincia” e reivindicouse como o que será “o primeiro presidente de Lugo que se presenta por Lugo e non escapa a outras provincias”. Lembrou que na provincia “vivimos a historia da loita contra o imposible”, gañando o goberno na capital, na Deputación e en moitos concellos onde demostraron que “querer é poder”.

Aquela traxectoria que el mesmo protagonizou foi truncada, lembrou, polo “manual das cloacas” posto en marcha polo PP e que “non debe volver a acontecer”, dixo antes de reivindicar a “política digna” e o goberno “limpo, honrado, veraz, que non minte” que representan os socialsitas.

O Presidente máis galego

O responsable socialista presentou ao secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, como “o presidente máis galego en 40 anos de democracia en España”, que “nunca lle fallou a Lugo nin a Galicia” e que fixo máis por esta terra que Rajoy en 7 anos. Sánchez recolleu o argumento e sinalou na súa interveción que nos últimos 5 anos de goberno os recursos enviados a Galicia superaron nun 32 por cento os de Rajoy no mesmo tempo.

O presidente do goberno reivindicou un goberno socialista en Galicia porque, dixo nun xogo de palabras, “se temos un socialista na Moncloa e outro na Xunta, o 18 de febreiro Galicia non Rueda, Galicia voa”. Chamou á mobilización dos galegos e galegas indecisos que o pasado 23 de xullo deron o seu apoio ao goberno socialista e conseguiron frear a chegada da dereita e da ultradereita, para que volvan votar socialista, a única papeleta “para gobernar o cambio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com