Besteiro garante a Monforte o desbloqueo do Porto Seco e o seu despegue económico e a creación de emprego

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Monforte, ante máis de 500 persoas, que desbloqueará o Porto Seco para o convertelo nun nodo loxístico de referencia para as mercadorías en Galicia e Europa. “Esta actuación, que o PP mantén paralizada desde hai máis de dez anos, é clave para a creación de emprego, o desenvolvemento industrial, empresarial e innovador de Monforte e toda a súa comarca”.

Esta actuación debe ser complementada por unha rede loxística de infraestruturas, entre a que sinalou como prioritaria o desdobramento integral do Corredor Nadela-Sarria-Monforte “para convertelo en autovía e asegurar a conexión estratéxica co interior de Galicia”. Criticou que “en 15 anos o PP de Rueda só fora capaz de facer 11 quilómetros (A Pobra de San Xiao-Sarria) e nin sequera contemplara estendelo ata Monforte”.

Sinalou tamén que fronte ao enfrontamento e incapacidade demostrada por Rueda, os socialistas ofrecen diálogo e colaboración e así mencionou as actuacións iniciadas polo Goberno de España, entre as que destacou o investimento de máis de 500 millóns de euros na electrificación da conexión ferroviaria coa Meseta en Alta Velocidade do treito Lugo-Monforte-Ourense; a finalización da Ronda urbana da vila e a súa conexión coa N-120, pola que Monforte levaba agardando 30 anos; ou a próxima licitación, en abril, do primeiro tramo da A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense

“Queremos unha Galicia viva, que medre ao mesmo ritmo que o resto de España, que cree emprego e permita á xente quedarse a vivir nos seus pobos e cidades se así o queren, pero para iso debemos tamén recuperar a calidade dos servizos públicos que nos foron recortados por estes 15 anos de ineptitude do PP”.

 

Neste sentido, Besteiro cualificou como a situación máis grave a que atravesa a Sanidade Pública en Galicia e asegurou que, “para os socialistas é fundamental reforzar a Atención Primaria, dotándoa de máis profesionais e especialidades” e, no caso de Monforte, “dotar de máis investimentos e máis persoal ao Hospital Comarcal”. Asemade, animou aos monfortinos e monfortinas a participar mañá na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública Galega en Compostela.

Por último, o candidato do PSdeG, apuntou á potenciación do sector vitivinícola como sector produtivo estratéxico que ademais ten dobre impacto na promoción económica do territorio a través do enoturismo e o turismo sostible. E comprometeuse a consensuar vontades e loitar “por que Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Un traballo, recordou, que iniciei eu mesmo como Presidente da Deputación de Lugo no ano 2011 e que aspiro completar cando sexa Presidente da Xunta”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com