Besteiro lanza o terceiro pacto de país para igualar o soldo medio galego co español e xornada de 35 horas na  pública

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a promover un “gran Acordo de País con empresarios e sindicatos para lograr que os soldos medios en Galicia aumenten e se sitúen, como mínimo, na media salarial española. Segundo a última estatística do INE o salario medio mensual do conxunto dos españois é de 2.118 euros fronte os 2.056 que cobran as e os galegos tras quince anos de gobernos do PP. Por iso, prometeu como prioridade, avanzar no obxectivo da suba salarial media porque é sinónimo de mellor economía, máis oportunidades e máis ambición de país”.

Besteiro defendeu que para os socialistas “un salario digno é un dereito básico” e puxo como exemplo a suba do Salario Mínimo Interprofesional en case un 60% desde que Pedro Sánchez é presidente”. Fronte esta aposta, explicou que “temos un PP que prefire a precariedade dos traballadores e traballadoras e que mantén Galicia no furgón de cola tamén en materia salarial”.

O socialista, salientou que “aumentar os soldos é  a mellor ferramenta para combater a pobreza, porque a experiencia demóstranos que a desigualdade non é compatible co benestar”. “Os socialistas facemos política útil ao servizo dos cidadáns do noso país e nesta liña imos seguir durante os próximos catro anos na Xunta de Galicia”, engadiu.

Función pública

Outro dos compromisos adquiridos por Besteiro no marco deste Acordo de País pasa por impulsar desde a Xunta medidas efectivas para a mellora da estabilidade laboral para os e as traballadoras no emprego público galego. Entre elas, comprometeuse a facer efectiva a “implantación da xornada laboral de 35 horas para todo o persoal da Administración galega”. Esta medida, indicou, “contribuirá a mellorar o servizo que reciben os cidadáns ao mellorar as condicións de traballo dos empregados públicos, ademais de axudar a modernizar e rexuvenecer os cadros de persoal e fomentar o emprego”.

A redución da xornada laboral na función pública a 35 hora “é unha vella demanda do conxunto de empregados e empregadas da Administración galega, que afectará positivamente a máis de 100.000 persoas”.

Ademais, Besteiro comprometeu outras medidas para os e as empregadas públicas de Galicia como son a planificación e ordenación dos recursos humanos co obxecto de afrontar de maneira máis eficiente as xubilacións e a captación de talento nos procesos selectivos. Tamén avanzou a actualización das ofertas públicas de emprego contando a totalidade de vacantes e xubilacións, así como “total transparencia” nas taxas de reposición e comisión de servizo, vacantes e listas de contratación.

Segundo o candidato socialista, “a xestión do emprego público por parte do PP evidencia a súa “falla de compromiso coa estabilidade, por canto nos seus quince anos de Goberno multiplicaron o número de interinos ata o punto de que “por cada 4 interinos que había na Xunta en 2009 hoxe hai 7, que son 3 máis”.

Asemade o socialista aposta pola “integración social, tendo en conta que uns ingresos xustos permítenlles ás persoas satisfacer as súas necesidades básicas, o que á súa vez fomenta a cohesión social e reduce a exclusión e a pobreza”.

Explicou tamén, que o Pacto de País polos salarios xustos reflicte a vontade política de garantir que todos os cidadáns “teñan a oportunidade de prosperar e alcanzar o seu máximo potencial, independentemente do seu xénero, orixe ou capacidades” e incidiu en que “traballar por un un salario digno para o conxunto da poboación é crucial para promover a xustiza social, a dignidade laboral e a integración social”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com