O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou este mércores en Guitiriz a súa aposta pola incorporación de Galicia á rede europea de hidróxeno coa construción do hidroducto a Zamora como “clave” no proxecto que desenvolverá á fronte do Goberno galego para reindustrializar o país aproveitando o seu potencial enerxético.
Esta aseveración fíxoa nun encontro que mantivo hoxe na vila chairega xunto ao Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, a Alcaldesa guitiricense e Deputada provincial Marisol Morandeira, e membros da candidatura socialista ás eleccións autonómicas, con rexedores, voceiros municipais e militancia das comarcas da Chaira e de Lugo.
Fronte a un Rueda “resignado e ausente, que non ten ningún balance positivo do pasado nin ningún proxecto de futuro para o noso país, e que respecta tan pouco aos galegos e galegas que se esconde dos debates, eu serei un Presidente da Xunta con iniciativa, con ambición de país, para atraer investimentos e aproveitar todas as oportunidades que temos en Galicia apostando por infraestruturas estratéxicas como o hidroducto Guitiriz-Zamora”, subliñou Besteiro.
Infraestrutura planificada
O candidato socialista á Xunta reafirmou “o seu compromiso e o do Goberno do Estado co corredor de hidróxeno verde, que, de feito, o operador do sistema, Enagás, ten na súa planificación. Os socialistas somos os únicos que podemos garantir investimentos coma este porque estamos aliñados co Goberno de España nos compromisos e nos obxectivos, e temos a influencia e a interlocución precisa para conseguilos”.
Trátase dunha infraestrutura “que nos permitirá activar Galicia como territorio enerxético en Europa, capaz de producir e exportar un combustible de futuro que non emite CO2 e que contribúe á soberanía sostible enerxética do proxecto europeo, que facilita ao sector produtivo galego unha enorme ferramenta de competitividade e que ofrece á mocidade e á ciencia galega enormes posibilidades”. “Unha gran oportunidade económica, enerxética, industrial, social e ambiental”, que creará “riqueza e emprego” e “nos impulsará como referente en innovación”, asegurou Gómez Besteiro.
Pola súa banda, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, remarcou que, apostas como “a conexión á rede europea de hidróxeno coa construción do hidroducto Guitiriz-Zamora, como tamén o novo nó de transición enerxética xusta de España para As Pontes e Cerceda, a nova carga de traballo para Navantia Ferrol ou a rede de moi alta tensión para Stellantis, poñen de manifesto que Besteiro trouxo máis obras e investimentos a Galicia en tres meses que o Partido Popular en quince anos”.