O controvertido cineasta holandés regresa cun dos seus filmes máis arriscados e persoais: a historia real dunha monxa que coa súa actitude desafiou os dogmas eclesiásticos do seu tempo.
Cunha carreira de máis de cincuenta anos, Paul Verhoeven é un dos cineastas máis reputados da historia do cinema. Desde as súas primeiras películas holandesas, como Delicias turcas ou O soldado laranxa, chamou a atención da crítica internacional e da industria de Hollywood, o que lle levou a facer filmes tan icónicos como Desafío total, Robocop ou Instinto básico, filmes onde combinaba un gran sentido do espectáculo e a narrativa cunha clara personalidade estilística e un gusto pola provocación, a través do sexo e da violencia.
Para Verhoeven, as condutas non normativas e as obsesións da mente convértense nun xogo intelectual co espectador que vaise volvendo máis retorcido con cada película. Despois de deixar a industria cada vez máis conservadora de Hollywood, onde a súa mirada converteuse en tabú, o cineasta recolocouse en Francia, onde hai uns anos asombrou a toda a cinefilia coa audaz e sarcástica Elle, onde a través do humor negro e a furibunda mirada sobre a hipocrisía das relacións sociais trazaba un contundente retrato de todo o trauma que vivía unha muller tras sufrir unha violación. Elle, grazas ao bo facer de Verhoeven e a presenza magnética de Isabelle Huppert converteuse nun clásico instantáneo e gran éxito de público.
Cinco anos máis tarde e xa con 83 anos, volve Verhoeven con outro filme que non deixará indiferente a ninguén. Protagonizado pola magnífica Virginie Efira (presente nas pantallas de Codex con Adeus, idiotas), Benedetta é un proxecto soñado con Verhoeven que a piques estivo de non ser realizado e que a Covid-19 postergou un ano. Situado no século XV, Benedetta é unha noviza dun convento ao que chega despois de vivir unha infancia e adolescencia marcada pola súa capacidade de facer milagres. Nun tempo marcado pola fe extrema, mais tamén pola superstición e os mitos populares, Benedetta é ao mesmo tempo santa e herexe. Verhoeven mostra unha muller dominada polos seus sentimentos e a súa devoción.
A súa forma de sentir a divindade é a través de extremos rituais amorosos que sobrepasan os dogmas preconcibidos da Igrexa e das súas superioras. Nese sentido, Benedetta non é un filme contra a relixión, senón contra o fanatismo e en favor da liberdade e o amor, feita da forma máis radical posible, a través do corpo e das accións desta muller excepcional interpretada por Virginie Efira. De clara convicción erótico-festiva, para axitar as mentes máis conservadoras, este novo filme do mestre Paul Verhoeven, consegue tamén que nos fagamos importantes preguntas sobre temas tan importantes como a liberdade sexual ou os límites da fe.
Presentado con honores no último festival de Cannes do pasado maio, onde participou na sección oficial e foi nomeado pola crítica e o público como un dos mellores traballos, Verhoeven demostrou que pese a súa avanzada idade segue a ser un dos cineastas máis arriscados do mundo, ao tempo que consegue seguir conectando co público do mesmo xeito que hai trinta anos, cando traballaba dentro da industria con filmes como Showgirls ou Starship Troopers. Este novo traballo do xenio holandés poderase desfrutar en Codex Cinema desde este mesmo venres.