O BNG-AA presentou en Lugo a campaña de apoio ao comercio local que está a levar a cabo en todo o país. A edil Maite Ferreiro anunciou, tamén, que levarán ao Pleno do Concello unha iniciativa de apoio ao comercio local na que se pedirá o compromiso de toda a corporación para evitar que en Lugo se promovan máis centros comerciais.
“Quedou demostrado que sería negativo para Lugo a apertura de novos centros comerciais” dixo Maite Ferreiro que “son auténticas maquinarias de autodestrución, cada vez que aparece un novo trata de destruír os outros despois de ter devorado o pequeno comercio”.
Ferreiro sinalou que “existe unha tendencia global de recuperación do comercio local coa súa debida modernización e integración en cidades que apostan por facer centros urbáns para as persoas”. “No proxecto de cidade do BNG está a recuperación do comercio local e de proximidade, e temos que empezar a poñer as bases para evitar que novos centros comerciais se establezan no concello de Lugo” afirmou Maite Ferreiro e engadiu “temos que ter responsabilidade e mirar cara o futuro para facer de Lugo unha cidade amable para que vivan as persoas”.
O BNG está levando a cabo, neste nadal, unha campaña de apoio ao comercio de proximidade para que o consumo repercuta na economía local e en Lugo completarase coa presentación desta iniciativa sobre a que Maite Ferreiro anunciou “entendemos que todos os grupos políticos temos que ter en mente un modelo de cidade do que queden apartados os modelos especulativos”.
Os nacionalistas insisten en que en Lugo existen suficientes experiencias negativas a respecto das macro-áreas comerciais despois de que a última que se construíu quedase practicamente desmantaleda ao pouco tempos da súa inauguración e outra situada nun entorno que non lle corresponde.