O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo que se incremente o número de puntos de luz no entorno das instalacións deportivas de AsPedreiras. “Co cambio de horario e durante todo o inverno moitas persoas acudirán a practicar deporte en plena noite e a intensa circulación de vehículos na zona resulta perigosa con tan pouca luz” dixo Arroxo que sinalou “hai moitas nenas e nenos que teñen que cruzar os viais para ir dende as instalacións deportivas ata o aparcadoiro e hai moitas zonas de sombra que apenas teñen iluminación”.
Arroxo afirmou que “é unha demanda das persoas usuarias e entendemos que o concello, unha vez demostrada a súa boa situación económica, pode asumir, sen problema, a instalación de varios puntos de luz para reforzar a iluminación da zona”. No entorno de As Pedreiras, ademais da piscina, están as instalacións de atletismo, coa pista exterior e o módulo cuberto, e tamén o Pazo Universitario de Deporte que acolle a práctica de numerosas deportivas tanto no pavillón principal como no anexo.
As instalacións deportivas de As Pedreiras son das máis utilizadas na cidade e aumentar o número de puntos de luz “supón unha pequena inversión pero moi necesaria”. Os aparcamentos do Pazo Universitario xa contan con iluminación suficiente pero sería necesario acometer a instalación de luminarias nos viais que dan acceso ao resto de instalacións da zona. O BNG-AA trasladará esta petición ao goberno local para que a execute no prazo máis breve posible.