BNG-AA propón a adaptación dos horarios dos centros sociais ás necesidades da xente

O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou hoxe que a primeira iniciativa que presentarán, unha vez se constituan as comisións correspondentes, será a adaptación dos horarios dos centros sociais “ás necesidades da xente”.

Arroxo sinalou que “as persoas usuarias do centro social do parque da Milgrosa se queixan por que lles quitaron o baile” e engadiu que “independentemente de que estemos dentro ou fora do goberno imos loitar para que as instalacións municipais funcionen ao servizo das persoas e dos colectivos que as utilizan”.

Para o BNG – AA é incomprensible que os horarios dos centros sociais sexan marcados por empresas ou traballadores, e non haxa preocupación do goberno por adaptalos ás necesidades reais dos usuarios. Arroxo, en referencia á xestión dos espazos e horarios dos centros sociais, lembrou que “agora son os bailes, antes foron os colectivos e nós mesmos tivemos que facer unha asamblea na rúa por que se nos negou unha sala que estaba baleira, agardamos que a nova alcaldesa teña outra sensibilidade sobre este asunto”.

En relación á suspensión dos bailes no centro social de Frigsa, o voceiro nacionalista asegurou que “o Concello terá que recuperar a xestión municipal dos centros sociais para poder atender a súa programación dun xeito razoable” e engadiu que “a remunicipalización dos servizos tamén será un dos nosos cabalos de batalla durante este mandato”. Rubén Arroxo afirmou que “dende fai tempo xa recibimos queixas de diversos colectivos que utilizaban ou solicitaban espazos en instalacións municipais e non lles eran concedidos ou se lles marcaban horarios imposibles para eles”.

Doutra banda, o BNG celebra hoxe unha asamblea comarcal para decidir cal será a fórmula máis axeitada para concorrer ás eleccións xerais que se celebrarán neste ano 2015, e sempre antes do 20 de decembro. Para o BNG “trátase dun novo escenario político onde o BNG debe analizar, coas súas bases, cal será a fórmula máis axeitada para que Galiza teña unha presenza significativa no congreso dos deputados”.

O BNG fará asambleas en todas as comarcas do país co fin de que todas as afiliadas e afiliados teñan a posibilidade de manifestar a súa postura a este respecto e facer as propostas que consideren. Unha vez rematado o proceso asambleario a executiva nacional do BNG comenzará a traballar sobre o modelo que as bases do BNG decidan.

Negociacións

Rubén Arroxo sinalou que “para nos é secundario prestarlle atención as cuestións de conformación do goberno municipal, o prioritario é atender as demandas da xente e facer que Lugo funcione”.

O BNG-AA manterá mañá pola tarde a primeira xuntanza con PSOE para analizar as posiblidades de futuro de cara á gobernablidade do concello de Lugo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com