Ediles do BNG-AA no Concello de Lugo visitaron, acompañados de veciños da zona, o camiño que une as vivendas da Avenida Paulo Fabio Máximo co barrio de Albeiros. Trátase dun camiño tradicional que a diario utilizan decenas de escolares para acudir aos centros de ensino da zona e o seu acondicionamento é sinxelo, dixo o voceiro da agrupación, Rubén Arroxo. O BNG-AA propón unha actuación sinxela pero efectiva que permita a nenas e nenos transitar nas debidas condicións para acudir aos centros escolares. Unha simple limpeza do camiño, a eliminación de elementos perigosos e lixo, acompañada dunha mellora no firme sería suficiente para mellorar a calidade de vida das persoas que por alí transitan diariemente dixo Arroxo.
O voceiro do BNG-AA sinalou que neste camiño hai colchóns e trozos de malla de obra ademais da maleza que invade o paso trátase dun camiño público e o concello ten capacidade de actuar cos seus medios propios para dar solución a esta demanda veciñal, asegurou Arroxo. O BNG pedirá, ademais, o arranxo da marquesiña de autobús da avenida Paula Fabio Máximo que se atopa sen banco e cos cristais rotos.