O BNG-AA volve a pedir a retirada da simboloxía franquista de edificios oficiais

A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, afirmou hoxe que a formación que representa seguirá traballando para que se retiren das rúas e dos edificios da cidade de Lugo os símbolos que aínda quedan da ditadura franquista e que incumpren a Lei de Memoria Histórica a pesares de estar, case todos, situados en edificios oficiais. Maite Ferreiro referiuse ao audio do semáforo de Mártires de Carral que aínda nomea ao Comandante Manso e a escudos franquistas en edificios oficiais.

“Algúns símbolos da ditadura xa quedaron en almacéns municipais e outros deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica” informou Ferreiro e lembrou que “grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”. A eliminación dos escudos que aínda quedan no exterior de varios edificios oficiais como o colexo de As Mercedes, o IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes, o edificio de Sanidade na rúa María Balteira son algúns dos exemplos que puxo Maite Ferreiro.

 Estes tres edificios son de titularidade pública e, a pesares de que hai varias iniciativas plenarias aprobadas neste senso, non se fixo nada para eliminar os escudos fascistas que aínda permanecen nas súas fachadas. No caso dos edificios de Sanidade e o IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes a responsabilidade é da Xunta de Galiza e no caso do Colexo de As Mercedes o edificio é de titularidade municipal. Ademais está tamén o caso da vidrieira que se atopa no interior do IES Lucus Augusti.

A edil nacionalista lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe e pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com