O candidato do BNG – Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, referíuse hoxe á proposta que se tratará no vindeiro pleno municipal sobre o cambio dos nomes franquistas na rúas da cidade.
O Candidato do BNG-Asambleas Abertas sinalou que “somos a única forza que ten clara a necesidade de eliminar os símbolos franquistas de Lugo”. Arroxo afirmou que “se Fraga non ten unha rúa en Lugo é grazas ao BNG” e lembrou que “somentes a presenza do BNG nos gobernos municipais e a súa actuación dende a oposición fixo posible o cambio dos nomes da rúas en Lugo” afirmou Arroxo.
Asemade suliñou que “nunca estivo clara a postura de Orozco con respecto a poñerlle un nome de rúa a quen foi ministro de Franco e asinou penas de morte”. Rubén Arroxo engadiu que “nin PP, nin PSOE tiveron nunca unha vontade clara de acometer a eliminación dos símbolos franquistas e se o fixeron foi pola presión social e a do BNG”.
Para o BNG “é de lamentar que non se aproveite esta modificación do rueiro para eliminar definitivamente os vestixios da dictadura e quede pendente aínda o nome de Ramón Ferreiro”.