O BNG-AA mantivo en Sarria, no Hotel Alfonso IX, un encontro co tecido asociativo da comarca sarriá para intercambiar visións e propostas en torno á cultura e ao deporte de base.
Os nacionalistas expuxeron ante máis dun cento de representantes de asociacións culturais, deportivas e veciñais a liña política do BNG-AA, “que pasa por unha férrea defensa do asociacionismo cultural e o deporte de base. Dende o BNG-AA temos claro que a cultura e o deporte son dous piares fundamentais do benestar dunha sociedade.
Efrén Castro, candidato do BNG-AA á alcaldía do Concello de Sarria nas vindeiras eleccións municipais, criticou “o desleixo ao asociacionismo e o uso caciquil que o PP fai dos cartos públicos nas institucións nas que goberna”. Engadiu que “dende o BNG-AA apostamos sempre por unha distribución igualitaria e transparente dos cartos públicos. Colaboramos e escoitamos a todas as persoas que teñan algo que dicirnos.
Neste encontro houbo tempo tamén para un amplo coloquio onde todas as Asociacións presentes amosaron as súas demandas e propostas para o futuro. Estas foron recollidas polos nacionalistas para incorporalas aos programas electorais do BNG-AA para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. “O BNG-AA está coa xente, dialoga, escoita e recolle as súas inquedanzas para incorporalas á práctica política. Así traballamos como organización e tamén nas institucións”