O BNG continua coa campaña para lograr un xulgado de violencia de xénero

O BNG continuará coa campaña de recollida de sinaturas para reivindicar a creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Lugo. “É unha demanda histórica do BNG non só na cidade senón no conxunto das comarcas que se insiren na provincia” así o explicaron Olalla Rodil, parlamentaria do BNG, e Maite Ferreiro, edil do BNG no concello de Lugo. “É unha demanda que partiu de diferentes colectivos de mulleres” explicou Rodil e dixo que “poderemos recoller apoios para esta iniciativa mais tamén socializar entre a veciñanza a importancia de contarmos con maiores recursos xudiciais, tanto humanos, materiais como económicos, na loita contra a violencia machista”.

Pola súa banda Maite Ferreiro sinalou como son moitos os estamentos que traballan directamente coas vítimas de violencia de xénero que se levan manifestado publicamente a favor da creación dun xulgado específico de violencia de xénero. “Profesionais relacionados coa xudicatura, a avogacía e as forzas de seguridade recoñecen a necesidade de contar cun xulgado que dispoña de persoal debidamente formado e que poidan atender este tipo de casos que teñen características moi singulares”, explicou a edil.

En 2016, segundo os datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día. No conxunto do país presentáronse 5.683 demandas. O número máis elevado desde 2010 e case 500 denuncias máis que en 2015. “Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade” afirmou Rodil.

As nacionalistas explicaron que o BNG leva presentado varias iniciativas instando ao goberno central e ao goberno da Xunta para que se cree en Lugo o xulgado específico de violencia de xénero. A corporación do concello de Lugo aprobou unha proposición por unanimidade, neste mesmo senso, na sesión do mes de febreiro de 2016. Dende o BNG lamentaron que o goberno da Xunta, nunha das súas primeiras decisións políticas deste mandato, deixara a Lugo sen ningún novo xulgado mentres que si se asignaron ás outras provincias galegas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com