O concello de Lugo reuniu hoxe a todos os voceiros da corporación nunha Xunta de Voceiros na que o do BNG-AA, Rubén Arroxo, anunciou que “o concello podería perder as subvencións para instalar caldeiras de biomasa pola ineficacia do PSOE” e explicou “a pesares das advertencias do BNG o goberno municipal non foi capaz de facer as xestións necesarias para optar aos 800.000 euros de subvención do INEGA para a instalación de caldeiras de biomasa en varias instalacións deportivas do parque da Milagrosa e así minorar os custos de mantemento destas instalacións”.
O BNG xa denunciou publicamente o pasado mes de agosto que o concello de Lugo podía quedar por causas dunha nefasta xestión política sen unha subvención de 776.255,47 € adxudicada polo INEGA para un proxecto de rede de biomasa, no día de hoxe o goberno municipal deu por feita esta perda e o portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mostrouse bastante sorprendido “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”. Estas axudas cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante.
Pola súa banda, o Concello de Lugo anunciou a primeira hora desta tarde que aprobará o vindeiro luns nunha sesión extraordinaria a delegación no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, das competencias para a resolución de todos os actos de trámite e resolutivos necesarios para a contratación das obras de instalación dunha rede de biomasa nas instalacións de Frigsa co fin de axilizar ao máximo posible os prazos.
O Goberno dará este paso despois de que, tras numerosos intentos durante os meses de verán, o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) lle comunicase que ampliará o prazo máximo para acometer a obra e xustificala ata finais de novembro, unha data que o organismo da Xunta deberá aínda facer oficial a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha vez delegadas as competencias da tramitación do expediente de contratación no Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, este decretará ademais a urxencia do mesmo, co que os prazos aínda serán máis curtos en canto á licitación.
Entre outras cuestións que se falaron na Xunta de Voceiros, a alcaldesa, Lara Méndez informou á oposición de que xa está redactada e en fiscalización a proposta de gasto para convocar un concurso de ideas entre profesionais para deseñar a cuberta da rúa Quiroga Ballesteros, un proxecto innovador co que o Goberno busca converter esta vía, entre Bolaño Rivadeneira e Santo Domingo, nun centro neurálxico da cidade, aproveitando ademais a vida e actividade da praza de abastos e o mercado, e do conxunto do casco histórico. A cuberta de Quiroga Ballesteros forma parte do proxecto de peonalización e humanización da rúa incluído nas modificacións de crédito, cun orzamento total de 1,1 millóns de euros.