BNG e Lugonovo coinciden en apostar polas cooperativas para evitar máis cortes de luz

O Concello de Lugo informou de que o subministro eléctrico no MIHL, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, foi restablecido esta mañá despois de que onte Endesa cortase o servizo, o que obrigara a pechar a instalación durante toda a mañá. Agora é outra compañía, Gas Natural comercializadora, a que está operando, e coa que o goberno tiña tramitado o contrato dende principios deste mes.

Un feito que critican dende o grupo popular, que asegurou non entender que a interrupción do servizo a fixese “unha empresa que o goberno local presume de que xa non é a que subministra enerxía”. “Realmente é a pregunta do millón, como é posible que ocorra iso”, reflexionou, o voceiro, que engade “só lle poden cortar a luz cinco veces a un goberno despreocupado que non toma medidas nin con todas as ameazas e con todos os precedentes que houbo xa”.

Pero non é o único grupo que se manifestou sobre os continuos cortes de luz que se están producindo en edificios municipais. BNG e Lugonovo coinciden nas súas propostas, dirixidas fundamentalmente a buscar alternativas ás grandes compañías, como é o caso das cooperativas. Os nacionalistas levan semanas falando desta opción, e de feito xa comezaron a dar pasos nese camiño, de forma que o próximo martes ofrecerán un acto aberto no centro social Maruja Mallo no que representantes da cooperativa Nosa Enerxía exporán os detalles desa opción enerxética. Unha xuntanza á que os nacionalistas convidaron a diferentes colectivos do concello.

Lugonovo tamén anunciou que estudará “a viabilidade de substituír progresivamente os contratos que o Concello mantén con multinacionais eléctricas, patrocinadoras deste tipo de prácticas, a favor de cooperativas sen ánimo de lucro e que baseen a súa actividade na priorización de aspectos sociais e medioambientais”.

Ambas formacións responsabilizan dos cortes no subministro tanto ao Concello como ás propias eléctricas; ao goberno municipal pola súa “incapacidade para xestionar este problema”, e neste caso a Endesa “pola súa actitude de prepotencia”, asegura o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com