Vinte anos despois do último goberno en bipartito no Concello de Lugo, mañá entrará en vigor un novo, formado, como en 1999, polo PSOE e o BNG. Esta tarde os dirixentes locais de ambos partidos, Lara Méndez e Rubén Arroxo, asinaban o acordo programático que pechaban na tarde de onte, despois dunha semana chea de reunións.
A actual rexedora en funcións, Lara Méndez, daba conta das distintas actuacións que motivaron o traballo de posta en común dos programas, e que será a base “do novo goberno que entrará en vigor mañá”. “Un acordo programático que levaremos a cabo 13 concelleiros e concelleiras, cada un coas súas distintas responsabilidades, pero un único goberno cunha única finalidade: o mellor para a cidade de Lugo”, destacaba a rexedora que resaltou a “tónica de entendemento” que houbo en todo momento.
O documento remitido aos medios resalta, de entre os obxectivos, impulsar unha “política de colaboración” co resto de administracións, aumentar as cláusulas sociais, reivindicar a construcción dun novo centro de saúde no Sagrado Corazón así como “o cumprimento dos proxecto de dotación de servizos sociosanitarios no barrio da Residencia”, manter Lugo como municipio de referencia feminista, adaptar a normativa urbanística coa modificación do PXOM, derribar o Garañón, mellora da seguridade viaria coa “peonalización dentro da cidade” e a promoción do “uso da bicicleta” ou potenciar sectores produtivos.