O BNG provincial esixirá na Deputación que o ente subvencione a residencia de maiores de Sarria “igual que os resto das da provincia”. Así o informou hoxe o deputado nacionalista, Xosé Ferreiro.
“O pasado día 22 de marzo, no BNG fomos coñecedores de que a Deputación ía subvencionar con ata 600 euros por praza e mes, dependendo da situación económica, as prazas das residencias construídas polos concellos directamente ou pola propia Deputación a través de convenios con eses concellos” informou Ferreiro.
Estas axudas foron anunciadas, dende o goberno socialista da Deputación, para seis concellos da provincia, aqueles que xa teñen as residencias rematadas ou a piques de rematarse. Segundo os nacionalistas, tamén se dicía, dende o goberno provincial, que o resto de residencias irían recibindo a mesma axuda segundo se foran rematando, se así o desexaban os concellos correspondentes.
Para o BNG, estas axudas supoñen unha forte inxección económica para os concellos con residencias para maiores. “No BNG entendemos que non deben existir discriminacións de concellos” dixo Ferreiro e engadiu “nesa liña, parece lóxico que todas, absolutamente todas as residencias de propiedade municipal reciban estas subvencións”.
En concreto, a Residencia de Sarria, con moitos anos de funcionamento e os últimos xestionados dunha forma pública e directa polo concello, debe ter o mesmo dereito que as demais a percibir o apoio económico da Deputación, “con total independencia do resultado final que se acorde para o modelo de xestión do resto de residencias” sinalou Ferreiro.
Non subvencionar aos usuarios da residencia de Sarria significaría unha evidente discriminación e a única lectura que tería é que se está a penalizar a esta debido a decisión dos que a dirixen de apostar por unha xestión puramente pública levada a cabo directamente polo concello, cuestión que sería completamente inadmisible pola cidadanía.