O BNG deu por suspendidas as negociacións co PSdeG-PSOE ante “a falta de avances reais na negociación dun acordo político programático nacional, que sirva para abrir unha nova etapa no funcionamento das deputacións no camiño da súa desaparición a través da transferencia de competencias e recursos cara a Xunta e os concellos”.
Asemade, o BNG reiterou ao PSdeG-PSOE que non vai dar o seu apoio para asumir a presidencia da Deputación de Lugo “a ningún cargo público imputado”, e volveu apelar á “responsabilidade do Partido Socialista para que formule unha proposta que poda facilitar un goberno alternativo ao PP no ente provincial, e sempre cun acordo programático previo”.
A formación nacionalista subliña que “non son tempos para decisións unilaterais, e menos na conformación de órganos de goberno”.