O BNG preguntará no vindeiro pleno da Deputación de Lugo polo criterio de reparto das invitacións para os concertos que se están a programar na Capela de Santa María, dentro da programación musical MusicAD. Segundo o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, “no concerto de Xabier Díaz quedaron fora ducias de persoas e as invitacións repartíronse antes do concerto dun xeito irregular” e explicou “cando alguén se achegaba á área de cultura ou ao CENTRAD a solicitar a invitación remitíaselles á billeteira o día do concerto, pero houbo xente á que si se lle facilitou a invitación anteriormente e dun xeito totalmente arbitrario”.
Nos días previos informábase que as entradas se entregarían na propia Capela de Santa María antes do concerto, pero algunhas persoas conseguíanas por outras canles. “Parece que voltan os tempos nos que a Deputación era unha especie de cortixo para uso e disfrute das amistades de quen a presidía”, denunciou Ferreiro e afirmou “non imos permitir unha volta ao pasado desta institucións despois de que a presenza do BNG forzara unha apertura para toda a xente das instalacións, das actividades e dos recursos da Deputación”.
Ferreiro cualificou de “intención propagandística” á organización destes concertos e sinalou “Lugo conta con moitos espazos axeitados para este tipo de eventos que moven a centos de persoas pero o goberno socialista o único que pretende e lavarse a cara despois de ter eliminado toda a programación cultural que o BNG puxera en marcha na Deputación”. Ferreiro lembrou a desaparición da programación Cultura Aberta que durante todo o verán levaba aos xardíns do Pazo de San Marcos concertos musicais, teatro, cine e espectáculos para público infantil.