A concelleira do BNG, Maite Ferreiro presentou unha serie de preguntas para a comisión municipal de Cultura de cara a saber en que situación se atopa o estudo para a posible escavación do Castro da Piringalla.
O pleno municipal, por iniciativa do BNG, aprobaba por unanimidade en setembro do 2016 un acordo para iniciar os estudos pertinentes para coñecer os restos que existen baixo terra da Agra dos Castros na zona norte da cidade, que se descubriron no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución dunha das tubaxes de canalización de auga que conducen aos depósitos municipais situados xusto fronte do castro.
A concelleira nacionalista considerou moi importante poder poñer en valor estes achados, que en palabras de moitos expertos permitirán resolver moitas cuestións pendentes sobre como foi o contacto que tiveron os pobos asentados en Lugo coa chegada dos romanos “entendemos que a escavación deste castro permitirá coñecer moito máis sobre a historia de Lugo, de aí que consideremos importante que se lle preste atención e que se fagan os trámites precisos para a súa recuperación” dixo Maite Ferreiro.
Para o BNG “o Castro da Piringalla, máis aló de permitirnos coñecer o pasado prerromano, pode converterse nun importante punto de atracción turística para a cidade”. Maite Ferreiro sinalou que “Viladonga demostra que estamos desaproveitado recursos que temos dentro da propia cidade”. O Castro da Piringalla ademais axudaría a dinamizar a zona norte da cidade, especialmente os barrios da Piringalla e Garabolos.