O BNG-AA levará ao Pleno do Concello de Lugo unha iniciativa para lograr “un foro aberto, plural e participativo no que profesionais, colectivos e persoas interesadas poidan debater sobre o futuro do barrio do Carmen”. Rubén Arroxo afirmou que “levamos a pleno esta iniciativa por que entendemos que non é unha cuestión partidaria e debe ser impulsada por todos os grupos”. O BNG-AA propón un foro de debate aberto e plural a toda a sociedade e no cal se leven como poñentes a profesionais e persoas técnicas no sector da arquitectura, a historia e a arqueoloxía para que se debata sobre o futuro desta zona da cidade.
Segundo explicou o voceiro do BNG “o barrio do Carme é unha autentica xoia en canto ao patrimonio natural, arqueolóxico, histórico e arquitectónico situada entre a muralla e o Miño. É o único espazo dentro da zona urbana que se mantén sen desenvolver urbanísticamente, o cal permite que se poida levar adiante un deseño da zona que poida manter toda a súa riqueza material e que permita compaxinar co uso e aproveitamento da veciñanza e do turismo cultural” e por iso “entendemos que as decisións que se tomen para esta zona deben ser razonables e razonadas”. Para o BNG, “no Barrio do Carmen non se pode repetir o desastre do Garañón nin o despilfarro da anunciada pasarela sobre a N-VI”.
“Agora mesmo dáse unha oportunidade única, o Concello dispón dos fondos do plan EDUSI, máis estes fondos deben ser usados de forma racional, tanto para evitar o despilfarro en obras que van ter un desafortunado impacto visual (como o exemplo da pasarela con columnas dóricas) como para evitar que se destrúa elementos que poidan ter un grande valor”, dixo Arroxo que engadiu “en relación con isto entendemos que se debería crear dende a institución un foro aberto á participación social onde se promovan a asistencia de poñentes cunha visión plural e que sexan profesionais do sector da arquitectura, historia e arqueoloxía, que permita un debate sobre o futuro do barrio: sostible, humanizado e que conserve o patrimonio natural e arqueolóxico”.