O Concello fixo pública esta mañá a quinta das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha iniciativa que o consistorio puxo en marcha durante a pandemia co obxectivo de impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego estable e de calidade.
A firma Boldest é a nova beneficiaria do fondo emprendedor, e naceu no 2020 co cometido de destacar destinos turísticos. É unha startup tecnolóxica que se adica a crear experiencias dixitais relevantes, especialmente no campo da comunicación corporativa e os eventos, co obxectivo de incrementar o atractivo de contidos turísticos. Para iso favorece a adopción de novos modelos de negocio, dentro dunha cultura colaborativa, encamiñada a dar a coñecer os destinos dun xeito moderno, visual e inmediato, empregando mapas interactivos premium, nunha solución multiplataforma apta para tablets, computadoras e apps que permite interactuar coa información en liña dun xeito áxil e intuitivo.
A startup (que formou parte da aceleradora de proxectos Turislab) está integrada por varios enxeñeiros con experiencia na creación de complexos e sofisticados portais dixitais que atoparon na imaxe cartográfica unha potente ferramenta para especializar os seus servizos e diferenciarse dos seus competidores.
Na presentación, a alcaldesa explicou que o fondo de capital municipal realizará un acompañamento financieiro á firma – que dispón xa de sede en Lugo (rúa Montero Ríos) – de 360.000 euros. “Un investimento que servirá para que afronte o seu desenvolvemento tecnolóxico pero que tamén contribuirá á súa expansión no estranxeiro, onde actualmente conta con presenza en Portugal, Dinamarca, Irlanda e Alemaña, favorecendo a súa consolidación internacional”, sinalou Méndez.
Parte desta inxección económica destinarase á contratación de persoal cualificado, coa previsión, nun horizonte temporal de catro anos, de sextuplicar o seu cadro actual, composto por 5 traballadores, ata chegar aos 36 empregados en 2027, cunha incidencia especial na búsqueda de perfís en desenvolvemento de software, marketing dixital e vendas.
O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo – que mobilizou 12 millóns de euros – e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.