Bombeiros e Policía Local cobrarán en novembro as horas extras realizadas

A edil Paula Alvarellos, anunciaba hoxe en rolda de prensa que a concellería de Gobernanza iniciou o procedemento para abonar, no próximo mes de novembro, tódalas horas extraordinarias executadas pola Policía Local e os Bombeiros.

“A área de Recursos Humanos, procedeu xa a iniciar, dende Tesourería e Intervención, a tramitación conxunta de todas esas horas co obxectivo de poñer ao día as contas con estes Corpos”.

Paula Alvarellos destacou o labor realizado polos efectivos dámbolos dous servizos que, “moi mermados en canto ao cadro de persoal, debido ás limitacións legais para novas contratacións, ás baixas médicas e ás xubilizacións que se foron producindo nos últimos tempos, foron quen de sacar todo o traballo adiante facendo un gran esforzo e dobrando, cando así foi preciso e se lles solicitou, a súa xornada laboral”.

“Esa acumulación de tarefas que asumiron xerou un número elevado de horas extraordinarias que, se ben excederon das inicialmente autorizadas, a súa realización se xustifica na necesidade de garantir, en todo momento e baixo calquera circunstancia, a protección cidadá”, indicou Paula Alvarellos.

A concelleira lembrou que son moitos os acontecementos sociais, culturais, festivos e deportivos que se realizan no concello durante o ano e que deben quedar cubertos en canto á seguridade da poboación “o que, engadido ao nivel 4 de alerta terrorista no que nos mantemos, obriga a priorizar a vixilancia por riba de calquera outro factor”.

Paula Alvarellos relatou que no que vai de 2019 os Bombeiros realizaron un total de 7772  horas extra e a Policía Local 2161 “Unha media que se mantén dende hai varios exercicios polos motivos antes indicados pero que xa estamos empezando a corrixir coa incorporación de novos efectivos e coa que agardamos rachar en canto empece o novo ano e se vaian materializando os procesos selectivos que xa temos iniciados”, subliñou.

A edil estimou nun importe total aproximado de 224.609’51 euros as horas a abonar (174.467’09€ para os Bombeiros e 50.142’42 para a Policía Local), que se tramitarán de forma conxunta e se levarán ao Pleno de novembro para a súa aprobación, de maneira que xa poderán ser abonadas ese mesmo mes aos traballadores.  Ademais, no caso do Bombeiros, regularizaranse tamén as horas pendentes de 2018, 6832, que suman 128.890’28 euros máis, xa que a Policía Local ten actualizado o pago correspondente a ese exercicio.

A responsable de Gobernanza concluíu a súa intervención recordando que en próximos días tomarán posesión os novos doce bombeiros, dimensionado así o Parque co ratio correspondente ao municipio e que a Policía Local recibirá tamén, a curto prazo, a chegada dunha trintena de axentes procedentes da Axencia Galega de Seguridade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com