O Boletín Oficial da Provincia publica este martes os 201 novos postos de traballo para lucenses no paro en todos os sectores, que xera na provincia o Goberno da Deputación co Ben Empregado IV, máis social. Faino concedendo a autónomos, PEMES e colectivos lucenses axudas (que son de concorrencia competitiva e polo tanto ás que puideron concorrer todos os interesados) dun total de 2,4 millóns de euros. O BOP tamén recolle hoxe a listaxe completa de entidades e asociacións que resultaron beneficiadas de ditas subvencións.
Con ditos fondos, o Executivo Provincial financia durante un ano os custos laborais dos novos traballadores (que serán todos lucenses actualmente en situación de desemprego) que demandan e requiren entidades e asociacións da provincia para poder reforzar a súa actividade. Faino en diferentes porcentaxes, atendendo ao nivel de compromiso social dentro da súa aposta por unha Deputación social e coas persoas.
Deste xeito, e tendo en conta as peticións dos solicitantes que resultaron beneficiados do Ben Empregado IV, o Goberno da Deputación financia ao 100% os custos laborais de 60 lucenses, hoxe no paro, con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social (estes retomarán a súa andaina profesional en establecementos de autónomos e PEMES da provincia), así como dos que se inserten laboralmente en colectivos sociais.
Ao 50% a doutros 141 veciños, actualmente desempregados, que comezarán a traballar en negocios na provincia de empresarios lucenses. Publicada hoxe a listaxe de 201 autónomos, PEMES e colectivos sociais beneficiados, así como os 201 perfís laborais que demandan, nas vindeiras semanas (este mes de xaneiro) abrirase o prazo de solicitude destes novos postos de traballo na provincia aos que poden concorren exclusivamente lucenses en situación de desemprego.