A borrasca Ana deixa preto de 50 incidencias menores na cidade

Os servizos de emerxencia do Concello atenderon medio cento de incidencias relacionadas co temporal de vento e choiva de onte domingo, denominada Borrasca Ana. Recibíronse numerosos avisos da cidadanía, a maioría deles relacionados con caídas de árbores ou colectores de lixo así como bolsas de auga na calzada.

Os bombeiros de Lugo deron onte resposta a 16 incidencias, prestando esta mañá a súa axuda para liberar estradas de árbores caídos. Na xornada de onte á tarde, a Policía Local atendeu 10 incidencias e deu aviso doutras 5 a outros servizos, como Urbaser.

O Concello xa adoptara medidas de prevención para garantir a seguridade cidadá, ante a alerta laranxa decretada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como a de manter pechados ao público os parques da Milagrosa -tamén o MIHL- e Rosalía de Castro, así como a exposición que se atopa ao aire libre, no fondo da Praza Maior . Os parques e a exposición abríronse de novo ao público esta mañá, tras as tarefas de mantemento e supervisión do arboredo existentes nestes espazos.

O Goberno Local agradece o importante labor realizado pola Policía Local, damnificado tamén por este temporal ao caer unha árbore nun coche, así como o Corpo de Bombeiros, e a disposición de Protección Civil e doutros servizos municipais e empresas.

Limpeza da rede de saneamento

Ante as diferentes situacións de asolagamento que se viviron onte en Lugo, as agrupacións municipais do Partido Popular e Lugonovo, culparon ao Concello da falta de limpeza e mantemento da rede de saneamento da cidade.

Pola unha banda, o Partido Popular no Concello de Lugo asegurou hoxe que a “parálise socialista” quedou patente onte despois de que o temporal Ana anegara numerosas zonas da cidade. Dende o PP reiteran a mesma petición que xa denunciaron en diversas ocasións: a necesidade de crear un plan de actuación na rede de sumidoiros.

Tamén neste senso falou LugonovoO edil Iñaki García considerou hoxe como “inaceptables” os asolagamentose instou ao goberno local a elaborar un estudo para avaliar, tecnica e economicamente, as posibilidades do Concello para afrontar, se é preciso, unha posible renovación das tubaxes nas zonas que máis se inundan e programar a súa acometida en función da súa urxencia.

Viveiro e a Montaña lucense, as máis afectadas

No tocante á provincia, esta mañá o voceiro da Deputación, Álvaro Santos Ramos, afirmou que todas as situacións provocadas por Ana están xa normalizadas, e asegurou que os servizos provinciais atenderon 44 incidencias en estradas da súa titularidade. As maiores incidencias se rexistraron en estradas de Viveiro, principalmente por caídas de árbores e ramas; en Cervantes, onde os servizos de limpeza tiveron que actuar debido ao arrastre de cinzas e restos dos lumes de outubro; e nos concellos de Pedrafita, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, onde xa se rexistraron as primeiras nevaradas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com