No Concello de Burela presentouse este mediodía o 1º Certame Galego de Videoclips Musicais Music@rte no que poderán participar as escolas de música, conservatorios e centros de ensino musical públicos e privados de toda Galicia. Establécense catro premios: Mellor videoclip inédito dotado con 500 euros; Mellor videoclip cover con 250 euros; Mellor videoclip en galego con 250 euros e Mellor videoclip elixido polo público con 200 euros.
O prazo de presentación de traballos remata o 20 de xuño de 2021. No acto de presentación participaron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Cultura, José Díaz, o director da Escola de Música de Burela, Xan Carballal, e a actriz barreirense e membro do xurado deste Certame Estíbaliz Veiga.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, explicou que “o certame vai enfocado a escolas de música e a conservatorios de toda Galicia. Esperamos que participen moitas delas, o maior número posible, e que teñamos un bo número de vídeoclips que logo poderán verse na canle youtube do Concello de Burela”.
O edil burelés sinalou que “queremos agradecer a colaboración, como sempre, da Escola de Música de Burela, de Xan Carballal, con quen fago moitos proxectos xa desde hai anos xuntos e que sempre se implica nestas iniciativas que tratamos de sacar adiante dunha maneira moi positiva para todos. Por suposto tamén agradecer a presenza de Estíbaliz Veiga, que sacou un oco do seu tempo para acompañarnos e mostrar coa súa presenza, e formando parte do xurado, o apoio a todo tipo de iniciativas culturais non só en Burela senón en toda A Mariña. Creo que é unha moi boa embaixadora da cultura para nós aquí na Mariña”.