O concelleiro de Turismo do Concello de Burela, Ramiro Fernández Rey, fixo na tarde de onte, domingo 11 de xuño, un balance moi positivo da participación do seu municipio en Festur, a feira que se celebrou en Silleda desde o pasado xoves ata o domingo. O edil burelés agradeceu o traballo de Ledicia, quen organizou unha degustación de bonito na que serviron unhas 120 racións.
Ramiro Fernández subliñou con bo resultado a primeira participación de Burela nesa feira, “tanto a estancia na feira como a propia degustación foron un auténtico éxito. É a primeira vez que participamos nesta feira e vimos encantados. Vamos intentar ter presenza tamén o ano que vén, posto que é un certame no que pasou moita xente polo noso stand. A nós interésannos estas feiras de proximidade porque pensamos que nelas Burela ten un potencial enorme para poder atraer xente durante toda a época estival”.
O edil socialista explicou que están mirando todas as feiras que se están desenvolvendo no aspecto turístico na zona norte do país para poder asistir, e que si non hai limitacións na capacidade económica vai intentar que o Concello de Burela esté presente en todos os certames desa categoría.
Desde a asociación Ledicia, a súa presidenta, Rocío Rivera, dixo que “a experiencia neste tipo de cousas sempre acostuma a ser positiva. Había moitos visitantes, que deron conta do bonito que levamos enseguidiña, nun cuarto de hora aproximadamente. Levábamos sobre unhas 120 racións, tanto en empanada como en salpicón e bonito asado”.
Gañadores do Concurso de Carteis
A presidenta de Ledicia aproveitou para dar a coñecer o nome dos gañadores do Concurso de Carteis deste ano. “O gañador da categoría infantil é Carme González Pernas, que é unha nena que ten 5 anos e fixo un debuxo moi colorido, como adoitan facer os nenos desa idade. E o cartel anunciador vai ser un traballo feito polo usuarios da Fundación Eu Son, de Burela”.
I festival de curtos gravados co móbil de Burela
Por outro lado, a próxima fin de semana, o 17 e 18 de xuño, terá lugar no auditorio de Burela a exposición dos curtometraxes que se presentaron ao I festival de curtos gravados co móbil, houbo participantes tanto na categoría xeral como na de centros de ensino. O concelleiro de cultura de Burela, José Díaz, describe este proxecto como “unha novidade ilusionante na que houbo unha boa participación, ademáis de ser un proxecto que intentou fomentar un uso máis profesional do móbil, deixando atrás o seu uso de ocio”. Sen embargo, engade que lle gustaría que o próximo ano houbese unha maior participación por parte de colexios e institutos.
O sábado 17 a partir das 21:00, presentaránse un total de 25 curtometraxes e o domingo 18 será a entrega de premios, cun formato que xoga co estilo dos Óscar, e coa participación no xurado do actor e humorista Carlos Blanco. “Haberá 5 películas nominadas da categoría xeral e 3 películas nominadas da categoría de centros de ensino, ademáis de premios ao mellor actor e actriz. O público cos seus votos tamén dará un premio ao mellor curtometraxe” explica José Díaz.
O premios serán de 600€ para o mellor curto na categoría xeral e de 500€ en vales nun establecemento de informática na categoría de centros, ademáis de diversos trofeos.