A Concellería de Cultura de Burela organiza o I Certame Galego de Vídeoclips Musicais no que poderán participar as escolas de música, conservatorios e centros de ensino musical. No certame, que se denomina Music@rte, concederanse catro premios, cuxa contía se está a perfilar neste momento ao igual que as bases. O prazo de presentación de traballos rematará a mediados de xuño e cada centro poderá enviar un máximo de cinco, dunha duración entre un e cinco minutos. Music@rte será presentado dentro duns días no Concello.
O edil de Cultura, José Díaz, anunciou que “desde o Concello de Burela queremos presentar unha iniciativa que imos desenvolver neste ano 2021, que xorde de todo isto que está a pasar e que tanto está a afectar a todos os sectores, tamén aos de educación e cultura. O que imos facer é un certame, que imos chamar I Certame Galego de Vídeoclips Musicais, que estaría enfocado a escolas de música, ben sexan municipais, autonómicas ou privadas, tamén conservatorios ou calquera centro de ensino musical”.
O concelleiro explicou que “terían que enviarnos, vía e-mail, as súas propostas. Estamos a traballar estes días nas bases para ter algo definitivo esta próxima semana e poder facer todo o procedemento administrativo necesario para desenvolver este certame. Vai consistir en que esas escolas de música envíen videoclips, de entre un e cinco minutos de duración, en formatos típicos de vídeo. Poden saír unha ou varias persoas, pero o representante legal dese videoclip ten que ser un adulto, ben sexa profesor deses alumnos ou un alumno maior de idade. Esperemos que as bases saian este mes e que os videoclips poidan enviarse ata o final do curso lectivo, alá cara ao 20 de xuño. Cada escola poderá enviar ata un total de cinco videoclips, faremos unha preselección e irémolos subindo á canle de youtube do Concello de Burela para que todo o mundo poidaos visualizar e votar, porque un dos catro premios que imos dar vai ser un premio do público, no que teremos en conta os comentarios positivos que expliquen o motivo polo que se vota ao seu favor. Imos nomear un xurado que estará composto por entre tres e cinco persoas, buscaremos persoas de certo nome a nivel musical que poidan ser un xurado competente e rigoroso”.
José Díaz ademáis explicou que o xurado vai valorar a calidade do videoclip, tanto sonora como de imaxe, “pero tamén a mensaxe social, a educación en valores de todos os alumnos que traballen nese videoclip, a interpretación e a complexidade. Estamos a decidir a contía dos premios que irían destinados ás escolas de música que nos envíen os traballos. Haberá un premio principal que sería para o mellor videoclip inédito, outro para o mellor videoclip cover e tamén imos incentivar a creación en galego cun premio ao mellor videoclip en galego, no que se incluirán todos os videoclips con composicións galegas, ben sexan inéditas ou versións”.
O Concello pretende presentar este certame xunto co director da Escola de Música de Burela, Xan Carballal, a vindeira semana.