Burela renova seis banderas azuis este ano

Burela renovou as bandeiras azuis das praias de A Marosa, Portelo e Ril, da Aula Medio Ambiental Gaia e do barco museo Reina del Carmen e tamén o sendeiro azul Ruta do Litoral burelés. O alcalde, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva da noticia.

O rexedor declarou que “é unha magnífica e estupenda noticia que renovamos as tres bandeiras azuis das praias de A Marosa, Portelo e Ril, as tres bandeiras azuis dos centros de interpretación vinculados co medio ambiente, que son o barco museo Reina del Carmen, a aula de educación ambiental Gaia e os paseos marítimos, que se converten un ano máis en sendeiros azuis”.

González Barcia subliñou que “en total son 6 bandeiras azuis para o concello de Burela, que nos enchen de orgullo e de satisfacción, porque o traballo feito durante estes anos, non soamente polo Concello senón coa colaboración prestada polos veciños e a súa implicación dá os seus froitos e porque sen dúbida ningunha esta é unha gran forma de promocionar Burela turísticamente”.

“Nese senso, nosoutros sempre apostamos polas bandeiras azuis, porque entendemos que son distincións medioambientais de recoñecido prestixio que ao Concello non lle custan nada, a pesar de que o Concello inviste cartos en mellorar ano tras anos as súas infraestruturas”.

O alcalde burelés dixo que “é un motivo de enorme satisfacción e de agradecemento tamén ao persoal municipal, ao que está máis ou menos implicado no asunto de bandeiras azuis, de preservación de praias e de coidado do medio ambiente, pero tamén fundamentalmente aos cidadáns que usan as praias, que van ao barco museo Reina del Carmen, visitantes día a día que recoñecen a calidade que ten o barco, a esa xente que usa a diario os paseos marítimos e que os respecta e a eses rapaces e rapazas, nenos e nenas que están imbuíndose da educación ambiental a través da aula Gaia”.

“Todos eles merecen o noso recoñecemento e agradecemento, porque sen eles non sería posible conseguir estas 6 bandeiras azuis, que fan de Burela un concello de 8 quilómetros cadrados que ten case tantas bandeiras azuis como quilómetros cadrados. E isto motiva para seguir traballando en anos próximos sen baixar a garda para polo menos renovar estes galardóns que nos distinguen turística e medioambientalmente como un dos concellos máis salientables da nosa comunidade autónoma”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com