Caballero denuncia en Lugo os “incumprimentos” da Xunta coa cidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo para denunciar os “incumprimentos” de Feijóo con esta cidade. Fíxoo en compañía da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé; así como un elevado número de veciños.

“Feijóo fixo moitas promesas, pero non cumpriu con Lugo. Fixo moita política de botafumeiro, pero se esqueceu de cumprir os grandes compromisos con esta cidade”, recalcou o líder dos socialistas galegos en presenza de dirixentes da federación de veciños de Lugo.

Fronte ao punto onde estaba prevista a realización da segunda fase da Rolda Leste, unha obra “moi necesaria” para a cidade e para boa parte da provincia, como explicou Lara Méndez, Gonzalo Caballero deixou patente “o noso compromiso para poñer a Lugo no centro de atención nas políticas autonómicas e nas prioridades dun goberno da Xunta progresista en Galicia”.

“O queremos facer porque sabemos que a Lugo non lle vai ben con Feijóo á fronte da Xunta”, explicou o máximo dirixente do PSdeG, quen apostou por construír “o Lugo do século XXI”.

“Hoxe referendamos aquí o inicio dunha nova páxina para Lugo, que é o inicio dun compromiso do Partido Socialista, para, dende un goberno progresista en Galicia, atender as demandas que Feijóo non atendeu en once anos e que non ten tempo máis que agora para prometer”, asegurou Gonzalo Caballero, consciente de que Feijóo aproveitará o último ano da lexislatura para prometer todo o que non fixo en 11 anos.

Así, o candidato socialista á Presidencia da Xunta anticipou “uns meses de política botafumeiro, de moitos anuncios pero de pouca concreción” tras anos de “incumprimentos e as falacias de Feijoo con Lugo”. “Os socialistas comprometémonos a cumprir con esta cidade”, remarcou.

De feito, Gonzalo Caballero evidenciou que así se está facendo xa dende a Deputación e dende o Concello de Lugo, pero “a Xunta nin está nin se lle espera”. O “mellor exemplo”, como dixo, é a segunda fase da Rolda Leste, unha infraestrutura iniciada polo goberno de Emilio Pérez Touriño e que é “fundamental para permitir un acceso ao HULA con maior facilidade para todos os veciños de Lugo e tamén da provincia”.

“O goberno progresista que salga dunhas eleccións autonómicas garante o seu compromiso co financiamento, coa execución e  con pasar das palabras aos feitos”, prometeu Gonzalo Caballero, quen estendeu o compromiso ás outras “débedas históricas que a Xunta ten con esta cidade”.

“Se os galegos nos dan un apoio maioritario cando Feijoo convoque as eleccións autonómicas, o noso compromiso con Lugo vai ser unha prioridade de país”, concluíu, consciente da importancia tamén do Museo da Romanización e da recuperación do cuartel de San Fernando, das melloras pendentes no saneamento e nos comedores escolares, así como da recuperación do casco histórico, da promoción dos tramos do Camiño de Santiago e das necesidades do HULA.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com