Baixo a lema Love food not waste-Non ao desperdicio alimentario, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) está levando un ciclo de charlas sobre sensibilización ambiental a varias localidades da provincia durante este mes de novembro.
A última sesión ata o de agora tivo lugar no Cádavo o pasado venres e continuarán mañá en Mondoñedo e no Pazo de Tor de Monforte de Lemos. Os asistentes recibirán de forma gratuíta por asistir un pack de lámpadas leds especialmente deseñadas para locais de hostalería, co fin de reducir o consumo enerxético e ser máis eficientes medioambientalmente; ademais de tuppers e bolsas reciclables da campaña, para poder ofrecérllelos aos seus clientes e que poidan levar a comida que lles sobra para casa.
Esta é unha iniciativa realizada no marco do convenio que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo ten asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a sensibilización ambiental e a redución do desperdicio alimentario nos locais de hostalería.
Tras as visitas de mañá, a APEHL levará tamén a loita contra o desperdicio alimentario a Guitiriz, Sober, Chantada, Sarria, Monterroso, Burela e Ribadeo.