Un camión que transportaba paquetería ardeu por completo tras sufrir un incendio na A-6, á altura das Nogais. O seu condutor resultou ileso. Segundo informa o 112 Galicia, os feitos tiveron lugar no quilómetro 434 da autovía, en dirección Madrid. Foi o propio camioneiro o que contactou co 112 Galicia ás 0:20 horas desta madrugada para explicar o que lle estaba a acontecer.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado aos Bombeiros de Sarria, ao GES de Becerreá e á Garda Civil de Tráfico. Os efectivos de emerxencia desprazados ata o lugar deron sufocado o lume contra as 3:30 horas desta noite.
Coche queimado
O lume tamén calcinou por completo un turismo, en Chantada. En concreto, o incendio rexistrouse en Saviña, na parroquia de Santiago de Arriba. Ás 7:50 horas desta mañá, unha persoa particular chamou ao 112 para dar a voz de alarma. Segundo explicou, o condutor xa saíra do vehículo afectado.
Dende a central do 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Chantada, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.