Iniciase un novo ano pero, en Caldiae Factoría Cultural manteñen certas tradicións que enchen o hall dos Codex Cinema (praza Viana do Castelo) dos traballos de diferentes artistas galegas. Así, no marco da súa colaboración coa plataforma cidadá Lugonovo, este mes de xaneiro presentarán a exposición Renacer da lucense Gema López.
A obra, en palabras da propia artista, é “coma un traballo de autocoñecemento e terapia”. Segundo explica Gema López “a exploración emocional que o meu proxecto recolle, ao ser de base intimista, vai máis alá de tabúes e convencionalismos sociais ou culturais, amosando ao ser humano na súa contradicción e vulnerabilidade”.
Así, do 14 a 30 de xaneiro, todos aqueles que queiras coñecer a obra desta artista poden achegarse aos Codex, onde o traballo de Gema López representará á persoa coma un corpo en contrante transformación mediante distintos recursos coma o movemento, a transparencia, a superposición ou a desintegración. Ademáis, na obra está moi presente o entorno natural en forma de metáforas visuais que “están presentes na lingua de forma cotiá: verbos coma florecer, murchar ou brotar así coma multitude de proverbios proban a conexión que existe na imaxinaria popular entre corpo, desenrolo vital e natureza”.
A través da mestura de elementos discordantes co realismo imperante, a artista fai visibles as fracturas interiores ou imperfeccións “e lles dou un espazo digno onde son recoñecidas. Velaí o motivo polo que considero que este tipo de arte exerce unha labor social positiva e liberadora”.
A artista
Gema López (Lugo, 1987) é licenciada en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Dende o ano 2006 ten participado en multitude de exposicións, tanto individuais coma colectivas, como artista plástica. Entre elas, destacan as ferias internacionais Parallax Art Fair (Londres) ou Just Mad (Madrid), así como as salas Palazzo Foti (Italia), Académie Royale des Beaux-Arts (Bélxica), MARCO (Vigo), Auditorio de Galicia, Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra, Fundación Abanca (Lugo), etc. A súa obra plástica foi seleccionada e finalista en distintos certames estatais e internacionais, recibindo nos últimos dous anos consecutivos o premio á mellor artista local no Certame de Pintura Rápida de Lugo, o 1o Premio no Certame Xuventude Crea 2017 (Xunta de Galicia), 1o Premio no VIII Concurso de Pintura Universidade de Vigo e Accésit no XXX Certame de Pintura Concello de Cambre. Realizou ponencias sobre arte e xénero en congresos e institucións públicas e privadas. Actualmente, rexenta unha academia de arte en Lugo.