A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, inaugurou este luns na Capela de Santa María a mostra A caldo e Té do ceramista lucense Manuel Fernández “Lolo” que estará exposta ata o 23 de outubro.
García Porto sinalou que “é de xustiza recoñecer a labor de “Lolo”, pois o seu traballo diario, que se recolle nesta mostra, mantén vivo un dos oficios máis tradicionais que caracterizan a nosa cultura, e reflexa o seu compromiso coa identidade galega”.
A exposición, que se caracteriza por elementos cotiás como as cuncas e os pratos, conta con máis de 160 pezas de gres e refractario, ademais dalgunha peza de porcelana. Nesta colección aprécianse pezas de cerámica con cores moi vivos, no que o veciño do Corgo fai unha gran labor de experimentación con todo tipo de esmaltes e formas que fan referencia ao mundo oriental, dentro do universo da porcelana chinesa.
Manuel Fernández “Lolo” é un artista que experimenta co gres e coa porcelana, e que se caracteriza pola produción lenta, coidada e meticulosa. Neste momento interésanlle os esmaltes orientais, especialmente o tenmoku, unha saturación de óxido de ferro, pero tamén a utilización de diversas cinzas e terras para conseguir esmaltes novos, máis persoais, cos que recubre as pezas e darlles un aspecto diferente e máis estético.
O horario da exposición A caldo e Té é de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.