Calvario

En Vilalba, na miña terra de nacencia, temos unha rúa chamada Calvario, que vai desde o inicio da estrada que ven para Lugo ata o antigo cemiterio parroquial. Non sei o porque desta denominación, pero sabendo que calvario ou vía crucis chámaselle ao camiño con 14 cruces ou representacións dos sufrimentos de Xesús, pero tamén a un lugar elevado onte hai unha cruz con gradas, entendo a cuestión xa que no arranque daquela rúa hai un fermoso cruceiro no que en tempos se paraban os enterros antes de proseguir o seu camiño.
Deume por pensar que en Lugo temos un calvario, non polas representacións da Paixón, nin por cruceiros, senón polo outro significado da palabra de “serie de sufrimentos e adversidades”, ou “sufrimento intenso e profundo”, que parece asentarse no pazo provincial de San Marcos segundo as informacións que vimos recibindo nos últimos tempos.
Parece que o calvario o teña pasado primeiro, desde o pasado mes de xuño, o deputado Manuel Martínez, Alcalde de Becerreá, presidente in pectore da Deputación Provincial, que precisamente ten anunciado para a tarde de mañá, venres, o relato do percorrido temporal do seu particular vía crucis.
Pero do mesmo xeito que no monte dos Olivos se escoitou a petición de “que pase de min este cáliz”, tamén na Deputación Provincial o sufrimento non é patrimonio de Martínez senón que todo o grupo socialista, tamén os membros do Bng, e de forma especial Darío Campos, Presidente da corporación provincial, pasan agora por un calvario difícil de transitar.
Martínez, que mantivo un pulso co seu propio partido para ser Presidente da Deputación Provincial, na que levaba feitos méritos na oposición durante moito tempo, plegouse ás esixencias do Partido e –facendo de tripas corazón- deixou que un compañeiro ocupase o posto que coidaba ter ben merecido. Pero aínda lle quedaba por beber outro cáliz amargo cando o Bng o vetou para o goberno provincial.
Que Martínez pasou un calvario longo e intenso sabémolo todos. Por iso parece – nos tememos-, que o calvario do goberno da Deputación non fixo máis ca empezar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com