A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou hoxe de que se as condicións metereolóxicas o permiten a tradicional cabalgata de Reis, partirá este martes, ás 18:00 horas, do Parque da Milagrosa. As Maxestades de Oriente percorrerán nas súas carrozas, a rúa Monte Faro, a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla –entrada pola porta de San Fernando- e baixarán pola rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo e rúa da Raíña para rematar, aproximadamente ás 19:00 horas, na Praza Maior. Non en ván, se as condicións metereolóxicas empeoran e as precipitacións son intensas, os Reis Magos desprazaranse en autobús urbano e tras este itinerario trasladaranse ao Pavillón Municipal dos Deportes, onde tería lugar a recepción, tal e como se informaron onte.
Lara Méndez, acompañada por outros membros da Corporación Municipal, dará a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. A continuación, os Reis Magos dirixiranse a todos os lucenses e visitantes congregados na Praza Maior dende o balcón da Casa Consistorial. Para finalizar, recibirán a todos os nenos e nenas que queiran transladarlles as súas peticións e daranlles como agasallo un paquete de lambetadas. O Concello ten preparados 3.000 paquetes de doces, dos que 200 serán especiais para diabéticos.
Durante a cabalgata, a comitiva repartirá uns 1.500 quilos de caramelos, todos eles sen gluten. Neste paseo real participarán máis de 250 persoas, entre as que se atopan os figurantes e artistas, os membros da organización e os axentes da Policía Local e Protección Civil de Lugo, que velarán pola seguridade dos lucenses e visitantes. A xornada estará amenizada por grupos teatrais de Lugo como Achádego, Hipócrita e Nova Escena, polo grupo de música tradicional Reviravolta, a Banda Municipal de Lugo, un grupo de percusión e o grupo de animación Ale-hop.